Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "XIV MOSTRA DA CAMELIA CIDADE DE NARÓN" CELEBRARASE OS DÍAS 10 E 11 DE FEBREIRO
Medio cento de persoas exporán nas instalacións do Centro Comercial e de Ocio Odeón exemplares desta especie de flor a través deste evento, organizado polo Concello e a Asociación Galega da Camelia
Narón, 1 de febreiro de 2018. As concelleiras de Turismo e Festas, Natalia Hermida e Mar Gómez, respectivamente, presentaron esta mañá xunto co vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, e o tesoureiro e o secretario desa entidade, Manuel Cruz e Manuel Pico, respectivamente, a décimo cuarta edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón. O evento celebrarase os días 10 e 11 de febreiro nas instalacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón, e acudirán ao mesmo medio cento de participantes, que amosarán diferentes variedades deste tipo de flor. Natalia Hermida e Mar Gómez, animaron ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a acudir a este evento, que reúne cada ano a centos de persoas. A Mostra abrirase ás 9.00 horas do sábado día 10 e inclúe no seu programa o décimo Concurso de Flor de Camelia, no que se entregarán premios ás Mellores camelias japónica e reticulata, a mellor especie de camelia, o mellor híbrido de camelia, a mellor flor miniatura, o mellor cultivador-expositor e a mellor composición artística colectiva. Ás 13.00 horas comezaranse a calificar os lotes presentados polas persoas que concursen neste certame e ás 14.30 horas haberá un descanso para o xantar. Pola tarde reabrirase a exposición ás 17.30 horas, coa inauguración oficial da Mostra e a continuación terá lugar o acto de entrega de premios aos gañadores do Concurso de Flor de Camelia. A Mostra, na que haberá flores procedentes de particulares chegados de diferentes concellos galegos e doutras comunidades, poderá verse o sábado ata as 22.00 horas e reabrirase o domingo día 11 ás 10.00 horas. Este ano, tal e como avanzou López, asistirá tamén unha familia italiana de coleccionistas desta especie. A partir das 10.30 horas está programada unha visita ao Xardín de Camelias de Xosé María Rivera Arnoso, no concello de Fene, para o que as persoas interesadas deben anotarse previamente contactando coa organización o mesmo sábado ou o domingo. Os visitantes poderán ver alí un milleiro de variedades de camelias, que comparten espazo nunha ampla parcela con outras especies arbóreas procedentes de diversos países. Finalmente, ás 18.00 horas, procederase á clausura e desmontaxe da Mostra. A Asociación Galega da Camelia conta actualmente con preto de medio cento de socios e un local cedido polo Concello na rúa Río Vespasante, na parroquia de Piñeiros. Os representantes da entidade agradeceron a colaboración un ano máis do Concello de Narón para poder celebrar este evento na cidade.

<<< Decembro 2022 >>>

LMMXVSD
  1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19 20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es