Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA INSTA Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN A MELLORAR O ESTADO DE MANTEMENTO E CONSERVACIÓN DUNHA DECENA DE VIAIS DA SÚA TITULARIDADE
Beirarrúas con losetas levantadas ou inestables, mal estado de elementos de recollida de pluviais e presencia de vexetación nas beirarrúas son as deficiencias detectadas nos citados viais autonómicos e provinciais
Narón, 2 de maio de 2019. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, remitiu esta mañá dous escritos ás administracións autonómica e provincial instándoas novamente a solucionar as deficiencias detectadas en viais da súa titularidade. No caso da Xunta de Galicia, dende o Concello denúncianse –tras o pertinente informe técnico- deficiencias na AC-116 ao seu paso polas parroquias de San Mateo e do Val; na AC-566, por Castro e Freixeiro e na AC-112, en Sedes e Pedroso. Ferreiro explicou que o mantemento das recollidas de pluviais e beirarrúas nestes viais autonómicos, en zonas de confluencia con vivendas, presentan importantes deficiencias, como losetas de beirarrúas inestables ou levantadas; vexetación nas beirarrúas e mal estado da recollida de pluviais. Así mesmo, indicou, as persoas con mobilidade reducida tamén se atopan con dificultades para circular polos tramos habilitados para os peóns. “Estes problemas xa se comunicaron verbalmente á Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, administración responsable do mantemento e conservación das estradas da súa titularidade, e a principios deste mes enviouse un escrito nesta mesma liña, sen que polo momento se atendesen as peticións formuladas dende o goberno local para que se adoitasen as medidas oportunas para subsanar os problemas descritos”, subliñou a alcaldesa. Na mesma liña, elaborouse un informe sobre as estradas de titularidade da Deputación da Coruña nas que tamén se detectaron importantes deficiencias. Neste caso, os problemas a subsanar (tamén beirarrúas con losetas inestables ou levantadas, mal estado de elementos de recollida e rede de pluviais e presencia de vexetación en beirarrúas) rexístranse na Avenida Souto Vizoso (DP-5402); na Rúa Concepción Arenal-Avenida de Santa Icía (DP-5403); na Avenida Malde Vizoso-Estrada do Trece (DP-5404); na Avenida Miguel de Cervantes (DP-5406) e na estrada da Gándara (DP-3614). O Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña é o responsable neste caso da preservación do patrimonio viario e mantemento do servizo, polo que a alcaldesa insta á Deputación da Coruña a solucionar as deficiencias detectadas nos citados viais. “As administracións supramunicipais, neste caso a Xunta e a Deputación, deben atender os seus cometidos como titulares de viais no termo municipal naronés, que dende hai tempo presentan importantes deficiencias de mantemento e conservación que, a pesares de ter coñecemento dos mesmos, non subsanaron, cos riscos que isto supón para garantir a seguridade das persoas que circulan ou transitan polos mesmos”, subliñou a alcaldesa.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal