O Alcalde móstrase satisfeito da disposición da Consellería de Vivenda a estudar novas propostas
Trala reunión mantida en Santiago co delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo na Coruña, Xoán Carlos Bascuas, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo Daniel Pino, o Alcalde de Narón, Xoán Gato, declarou hoxe en rolda de prensa que o Concello de Narón ofrecerá alternativas ao Plan Sectorial da Xunta por medio de alegacións no prazo vixente de exposición ao público, procedemento que é o que a propia Xunta ve preceptivo neste caso.
Para iso, terá lugar un Pleno Extraordinario, previsiblemente antes do 20 de decembro, onde se analizarán e porán en común as distintas opinións sobre o tema dende todos os signos políticos. O consenso parece que será a nota predominante, ao igual que o foi na devandita reunión, onde, segundo palabras do alcalde, todos os portavoces amosaban a mesma liña de opinión, salvo algunha excepción.
Gato tamén mostrouse satisfeito da disposición da Consellería de Vivenda a estudar novas propostas alternativas ao seu Plan Sectorial, como manifestaba na súa nota de prensa posterior á reunión: A Consellería de Vivenda e solo está disposta a avaliar tecnicamente calquera proposta que o goberno local queira presentar con vistas á súa posible inclusión no Plan Sectorial de Vivenda e tamén as alegacións que o Concello considere oportuno presentar
A postura do Concello tamén quedou reflectida onte na reunión, e baséase na propia Lei do Solo, que contempla que non se amplíe terreo urbano mentres non se consolide o que xa existe. Segundo o Alcalde, Narón ten aínda moitas zonas urbanas por consolidar, nas que é necesario construír vivendas, antes de ampliar a zona urbana a terreo ata o de agora rural. O Concello volveu a prestar a súa colaboración ofrecendo terreos xa urbanizados para a construción desas vivendas, non todas nun pobo de 4.000 habitantes, senón en diversos núcleos de poboación aínda sen consolidarse, como por exemplo os 15.000 m² de solo urbano en Xuvia, na antiga cerámica de Santa Rita, no que terían cabida 100 vivendas con prezo de construción aínda máis barato que o plantexado pola Xunta, 26.000 por vivenda.
A propia Asociación Comarcal de Empresarios da Construción remitiu unha nota ó Concello na que califico ao Plan Sectorial como actuación de dudosa eficacia, polémica y desconcertante , o que non significa, nas súas verbas, que se opoña a inversións na comarca destinadas a fomentar á promoción da vivenda protexida, e así queda demostrado no ofrecemento que a Asociación fai á Consellería de terreos integrados na malla urbana nos que poder realizar esas actuacións. Terreos que debido o momento de crise financeira non están en posición de edificar nestes momentos e que se comprometen a ofertar a prezos non superiores ós que baralla a Consellería nos seus plans.
Por último, o Alcalde referiuse a legalidade do Plan Sectorial. Xoán Gato anunciou que ademais das alegacións, o Concello procederá a redactar un informe xurídico para analizar un Plan, que na súa opinión, roza a ilegalidade por capricho e é unha actuación que non podería realizar ningún particular u empresa privada. O rexedor naronés afirmou que, en última instancia, serán os tribunais os que decidirán se a Consellería ten razón ou non.