Narón, 20 de xaneiro de 2009.-A Corporación Municipal de Narón elexiu hoxe nun Pleno Extraordinario a Xosé Manuel Blanco como novo Alcalde de Narón, en sustitución de Xoán Gato quen abandonou oficialmente o cargo para centrarse na súa candidatura ás eleccións autonómicas.
O novo Alcalde de Narón, que forma parte da Corporación Municipal dende o ano 1983, é o actual Concelleiro de Urbanismo e Xestión Orzamentaria e segundo Xoán Gato a persoa máis axeitada para tomar o relevo. Blanco convertiuse en Alcalde logo de que os 21concelleiros do goberno e a oposición votasen en urna, conseguindo un resultado de 10 votos a favor e 11 abstencións.
Despois de tomar o bastón de mando da cidade de mans da 1ª Tenente de Alcalde, Angeles Díaz, o novo Alcalde pronunciou un breve discurso de investidura no que destacou a importancia de continuar co crecemento industrial e demográfico que ven experimentando o municipio de Narón, da man do ata hoxe rexedor, Xoán Gato. A este respecto, Blanco apostou por seguir atraendo empresas e emprendedores que xeneren traballo, para seguir contando cos mellores servizos sociais, a mellor cultura e o mellor deporte en Narón.
A emoción de Xoán Gato
O que fora Alcalde de Narón dende fai 23 anos realizou unha intervención no Pleno cargada de emoción e con contínuas reminiscencias ó pasado. Cando entramos, Narón era un concello desvertebrado e sen servizos, pero nos convertimos esta realidade nun proxecto ilusionante no que todo o traballo estaba por facer, dixo poñendo coma exemplo que nin aparecíamos na guía de teléfono.
Xoán Gato quixo agradecer ó veciños de Narón o seu apoio ó longo deste tempo ó fronte da Alcaldía, permitindo que o proxecto que iniciamos seguise adiante, manifestou en referencia ó crecemento de poboación, infraestructuras e emprego constatado neste municipio. Somos unha illa dentro dunha comarca que leva anos deprimida, engadiu.
Na súa despedida coma Alcalde-Presidente do Concello de Narón, Xoán Gato tamén quixo agradecer o apoio prestado pola súa familia e ós compañeiros das sucesivas corporacións e alabou a figura de Xose Manuel Blanco, do que dixo que aínda que non é tan mediático coma mín, participou nas decisións fundamentais para este Concello, e agardo que colaboremos todos con él para que Narón siga avanzando.
Xoán Gato presentará mañá no Rexistro Xeral do Concello a súa renuncia á acta de Concelleiro, da que tomará conta o Pleno Ordinario que se celebrará o vindeiro 29 de xaneiro.