Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE ESCOLARES DA CIDADE PARTICIPARON HOXE NUN DOS ACTOS PROGRAMADOS POLO CONCELLO CON MOTIVO DO "DÍA ESCOLAR DA PAZ E NON VIOLENCIA"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, participaron na convocatoria, que inclúe ademáis esta tarde a presentación do libro "Nana para un soldado", que se representou hoxe no Pazo
Narón, 30 de xaneiro de 2020. Un total de 538 escolares de terceiro e cuarto curso de Primaria dos colexios da Solaina, A Gándara, Piñeiros, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, Jorge Juan, Santiago Apóstol e da Escola do Val do CRA de Narón asistiron esta mañá, ás 10.00 horas, ao visionado da peza teatral “Nana para un soldado” no Pazo da Cultura, ás 10.00 horas. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse ata o Pazo para participar nesta actividade, a través da que se conmemora o Día escolar da Paz e non violencia, coincidindo co pasamento do avogado e pacifista Mahatma Gandhi, no ano 1948. O Concello encargouse de ofrecer aos centros o servizo de transporte para desprazar aos escolares dende os colexios ata o Pazo e de regreso ás aulas unha vez que rematou a representación. A obra “Nana para un soldado”, da compañía Teatro dos Ghazafelhos, narra o encontro de dous soldados que son inimigos no frente de combate pero que chegado un momento teñen que deixar de lado as súas diferencias para facerse cargo do nacemento dun neno. A través desta peza trátase de facer reflexionar ao público, neste caso aos nenos e nenas, sobre o absurdo das guerras e a importancia do entendemento e de fomentar valores como a liberdade, a igualdade, a tolerancia ou a cooperación, entre outros. Os escolares traballaron previamente nas aulas sobre esta materia, a través dunha unidade didáctica que se lles facilitou tamén dende o Concello aos centros participantes. A programación deseñada dende o Concello para conmemorar o Día escolar da Paz e non violencia inclúe tamén esta tarde, ás 18.00 horas, a presentación do libro “Nana para un soldado”, un acto no que estará presente o autor do libro, Pepablo Patinho. El será a persoa encargada de realizar unha presentación dinámica do seu traballo e que está aberta á asistencia do público en xeral. Marián Ferreiro agradeceu a “gran implicación dos centros de ensino da cidade nos actos programados con motivo do Día escolar da Paz e non violencia, no que se realiza unha especial incidencia na importancia de fomentar valores moi importantes entre a sociedade e que todas e todos debemos ter moi presentes no noso día a día”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal