Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REPARTIRÁ MÁIS DE 400 LIBROS E UN MILLAR DE BOLSAS PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS
A Biblioteca municipal e oito librarías da cidade implicáronse nesta iniciativa, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 15 de maio de 2020. O Concello de Narón entregará varios agasallos para conmemorar este ano o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, xornada na que se homenaxeará ao escritor galego Ricardo Carvalho Calero. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, avanzou que dende a Biblioteca municipal se fará chegar aos centros educativos e aos Centros Cívicos Sociais e Culturais do Concello –nestes últimos casos unha vez reabran á cidadanía- un exemplar do libro “De Carballo Calero a Carvalho Calero: biografía, escolma de textos, guías de lectura, actividades e xogos”, editado por Hércules Ediciones. A maiores, tamén se entregarán nos días previos e durante a vindeira semana un exemplar de literatura infantil ou xuvenil –segundo a idade- aos usuarios e usuarias do bono social do Servizo Sociocomunitario e do servizo de impresión de documentos escolares, menores de 3 a 16 anos. “En total repartiremos algo máis de 400 exemplares en galego para conmemorar o Día das Letras Galegas, facendo partícipes desta data a persoas de tódalas idades e recordando a figura de Ricardo Carvalho Calero, un dos escritores galegos do século XX máis destacados no mundo da cultura, cunha dilatada traxectoria literaria e natural do veciño municipio de Ferrol”, recordou Ferreiro. A alcaldesa recordou que dende o pasado luns, día 11, reabriuse a Biblioteca municipal para os servizos de préstamo e devolución de material, dos que fixeron xa uso –ata o día de onte- un total de 81 persoas, que levaron 161 documentos das instalacións esta semana. As persoas que se acheguen a realizar algún destes trámites deberán cumprir as recomendacións sanitarias establecidas para a prevención da Covid-19. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón tamén se suma ás iniciativas enmarcadas no Día das Letras Galegas, e repartironse bolsas cun deseño sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero entre as oito librarías do municipio que colaboran nesta proposta: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina. Nestes establecementos entregaranlles as bolsas a todas as persoas que merquen algo alí. As mesmas bolsas conmemorativas do Día das Letras Galegas tamén se entregarán ás persoas que leven algunha publicación en préstamo da Biblioteca municipal.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal