O PADROADO DA CULTURA RETOMARÁ O VINDEIRO MES DE XULLO A PROGRAMACIÓN ESTIVAL EN ESPAZOS PÚBLICOS DA ZONA URBANA E RURAL
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que se retoman as iniciativas "Verde que te quero verde", "Cine de verán" e "Xogos populares"
Narón, 3 de xuño de 2020. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, avanzou que a programación cultural ao aire libre se retomará o vindeiro mes de xullo. Durante o período estival daremos continuidade a programas que levamos a cabo en anos anteriores e que nos permitirán retomar a actividade cultural no termo municipal, tanto na zona urbana como na rural. Ferreiro explicou que se trata de propostas de balde en todos os casos e das que poderán gozar tanto as nenas e nenos como as persoas adultas.
A primeira das citas será a través do programa Verde que te quero verde, que alcanza este ano a cuarta edición e que se desenvolverá os catro domingos do vindeiro mes de xullo en prazas e parques da cidade e que, ao igual que en anteriores edicións, tal e como apuntou a presidenta do Padroado da Cultura, incluirá un espectáculo para público xeral e unha actuación específica dirixida a público infantil. Cada unha das propostas dominicais terá unha duración aproximada de media hora e contará cunha decoración escénica propia deste programa, co que os espazos públicos serán un referente donde socializar coas veciñas e veciños, un dos obxectivos desta iniciativa.
Nos meses de xullo e agosto tamén se retomará outra proposta cultural, a de Cine de verán. Un día á semana programaremos unha proxección dunha película na zona urbana e rural, prestando este ano especial atención a estes últimos núcleos, para continuar impulsando a programación cultural nas parroquias da cidade, apuntou Ferreiro.
Outra das propostas será a de Xogos populares, que se prevé levar a cabo a partir do mes de agosto tamén en espazos públicos da cidade. As nenas e nenos poderán gozar de diversos xogos como malabares, catro en liña, pesca de botellas, a rá
. e tamén de obradoiros guiados por monitores que lles aprenderán como realizar algúns elementos que poderán levar para as súas casas. É unha excelente oportunidade para que os menores compartan xornadas de diversión e xogo con outras nenas e nenos pero tamén con persoas adultas que coñecen este tipo de xogos tradicionais que queremos continuar fomentando dende o Padroado da Cultura, asegurou Ferreiro.
En todos os casos se ofrecerán as máximas garantías de seguridade que correspondan según cada actividade para cumprir coas recomendacións de seguridade e sanitarias, subliñou a presidenta do Padroado da Cultura, ao tempo que avanzou que nos vindeiros días se concretarán estas tres propostas culturais que se levarán a cabo durante o verán.