O CONCELLO SOLICITOU DÚAS SUBVENCIÓNS PARA IMPULSAR UNHA NOVA CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMICILIARIA E O PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SOSTIBLE
A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que con cargo a estes dous proxectos se continuará avanzando e traballando dende a cidade na protección e coidado do medio ambiente
Narón, 12 de xuño de 2020. O Concello solicitou á Consellería de Medio Ambiente dúas subvencións por un importe conxunto de 28.522 euros para materializar na cidade dous proxectos. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que un deles consiste na implantación e seguemento dunha campaña de compostaxe domiciliaria para promover a reciclaxe en orixe, e a outra é para elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Concello, tras adherirse ao Pacto de alcaldías para o clima e a enerxía sostible.
A achega solicitada á administración autonómica para a campaña de compostaxe domiciliaria está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A alcaldesa explicou que se trata dun proxecto a través do que se impulsarán actuacións destinadas ao tratamento in situ dos bioresiduos de orixe domiciliaria, dirixida a un centenar de persoas, tanto particulares como grandes xeradores. Ferreiro destacou o feito de que con cargo a esta subvención iniciaremos unha nova campaña que complementa ás anteriormente realizadas dende o Concello para mellorar a xestión dos residuos sólidos urbanos, dando así cumprimento ás directrices europeas establecidas ao respecto.
Ferreiro recordou que o Concello de Narón xa se adheriu no ano 2018 a programas de compostaxe doméstica e vermicompostaxe impulsados por Sogama e nos que participaron varias familias da cidade. Queremos agradecer a excelente disposición das veciñas e veciños da nosa cidade con este tipo de iniciativas, encamiñadas a coidar o noso medio ambiente ao permitir transformar a materia orgánica en compost, fomentando a recollida selectiva en orixe, o que reduce a porcentaxe de impropios, e facendo unha xestión responsable dos mesmos.
O proxecto, valorado en 18.022 euros, desenvolveríase en varias fases, comezando pola realización dunha campaña de sensibilización e difusión de material informativo para, a continuación, seleccionar aos participantes, ofrecerlles información e entregar os kits de compostaxe, que serían 100 unidades de composteiros e outras tantas de aireadores, termómetros e caldeiros. Posteriormente realizaríanse controis porta a porta para levar a cabo unha campaña de seguemento que se completaría con asesoramento telefónico continuado durante a duración da mesma.
A segunda das subvencións solicitadas á Consellería de Medio Ambiente, de 10.500 euros, destinaríase a elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que a través de diferentes fases permitiría redactar un inventario de emisións de referencia de CO2 e analizar os riscos e vulnerabilidades, propoñendo actuacións acordadas con diferentes departamentos. Os consumos enerxéticos do Concello reducíronse considerablemente nos últimos anos, e continuamos traballando nesa mesma liña, implantando a tecnoloxía led tanto na zona urbana como no rural para reducir a emisión de CO2 á atmósfera e, ao tempo, reducir gastos de mantemento e consumo, recalcou Ferreiro.