A ALCALDESA PRESIDIU UNHA REUNIÓN PARA ANALIZAR OS PROTOCOLOS ESTABLECIDOS PARA A REAPERTURA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Marián Ferreiro explicou que se analizaron os protocolos que están en vigor para estas instalación e tamén se avanzou nas medidas que se aplicarán según vaian reabrindo máis dependencias nas mesmas
Narón, 15 de xullo de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá unha reunión na que se analizaron os diferentes protocolos establecidos dende o Speis de Narón para a reapertura das instalacións deportivas municipais. Á xuntanza, que se celebrou no Concello, asistiron tamén o concelleiro de Deportes, José Oreona, o responsable do Speis de Narón, Rafael Pazos, persoal do Padroado de Deportes e dunha consultoría externa coa que se analizan eses protocolos.
No termo municipal temos actualmente operativas o 90% das instalacións deportivas, se ben non están a pleno rendemento senón que se reabren na medida en que o permiten eses protocolos para garantir todas as medidas sanitarias e de seguridade pola Covid-19, explicou a alcaldesa. Ferreiro incidiu en que a falta de reabrir esta semana catro instalacións cos seus correspondentes protocolos, no resto están operativas as oficinas e tamén salas de xuntanzas cos asociados, a piscina municipal
a donde se pode accede seguindo as indicacións pertinentes en cada un dos casos.
Na reunión mantida esta mañá analizouse como están funcionando eses protocolos en cada unha das instalacións, coordinando o traballo que se pode realizar nas mesmas nesta fase de nova normalidade e tamén se abordaron os pasos que se darán nos vindeiros meses. Atendendo en todo momento á situación na que nos atopamos, que condiciona o traballo que estamos a realizar dende o Concello, estamos plantexando as posibilidades que hai para ir reabrindo á veciñanza, paulatinamente e coas medidas oportunas, aquelas dependencias que aínda non están operativas debido a esta pandemia, avanzou a alcaldesa.
Do mesmo xeito, tamén se avanza no procedemento que habería que seguir para organizar eventos deportivos nos últimos meses do ano, para establecer protocolos específicos para cada un deles, tal e como apuntou Ferreiro. É moi importante continuar avanzando nestas áreas para, na medida do posible, poñer a disposición das nosas veciñas e veciños as instalacións deportivas municipais con todos os seus servizos, indicou a rexedora local.
Así mesmo, Ferreiro recordou que actualmente está aberto ata o 7 de agosto- o prazo para que as entidades e clubs deportivos soliciten o uso das instalacións municipais de cara á tempada 2020-2021.