Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO TRAMITA AS PRIMEIRAS SANCIÓNS A PARTICULARES E ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA POR INCUMPRIR AS NORMAS ANTI COVID-19
A alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu na importancia de que se cumpran todas as normas para frear o avance desta grave pandemia
Narón, 2 de novembro de 2020. A Policía Local de Narón realizou varios controis durante esta fin de semana co fin de velar polo cumprimento das restricións decretadas polas autoridades sanitarias debido á actual situación sanitaria, que mantén á cidade no nivel 3 de alerta, xunto cos concellos de Ferrol, Neda e Fene. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que “a maior parte da cidadanía está cumprindo coas medidas establecidas, se ben nalgúns casos rexistráronse incumprimentos que serán debidamente sancionados tras cursar as oportunas advertencias nas primeiras horas de entrada en vigor desas restricións”. Ferreiro recordou que a diario se continúan realizando controis nas estradas para garantir que se respecta o toque de queda establecido dende o Goberno central. En coordinación cos axentes da Policía Local dos concellos de Ferrol, Neda e Fene establécense os puntos de control e tamén se traballa conxuntamente cos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil. “Lévanse a cabo controis nas zonas perimetrais, como nos límites con Pedroso e San Saduriño e tamén nos diferentes viais do termo municipal, como por exemplo na estrada de Cedeira, a de Valdoviño… e outras para que a partir das 23.00 horas non se circule salvo naqueles casos contemplados como excepcións na propia normativa”. En canto ás incidencias da pasada fin de semana a alcaldesa explicou que o sábado os axentes da Policía Local realizaron varias advertencias a persoas que estaban en establecementos de hostalería da cidade xuntos e que non eran convivintes, unha das prohibicións específicas da normativa. As primeiras sancións ao respecto tramitáronse o domingo, cun total de nove a persoas que compartían mesa en establecementos hostaleiros sen ser convivintes; oito a establecementos de hostalería por incumprir o aforo que se permite actualmente nas terrazas, que non pode superar o 50% e a outra a unha persoa por non levar posta a máscara. “Dende o Concello continuamos adoptando todas as medidas que decretan administracións supramunicipais e ofrecendo a nosa colaboración para frear a escalada de contaxios rexistrada nos últimos días, pero é imprescindible que todas e todos nós cumplamos con esas medidas das autoridades sanitarias porque xogamos un papel fundamental para poder combatir esta pandemia. Cada incumprimento, cada confinamento que non se realiza nas condicións de illamento que require nos domicilios particulares non fai máis que agravar unha situación que nestes momentos xa é moi complicada”, recalcou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal