APERTURA DO PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA ASOCIACIÓNS E OUTRAS ENTIDADES DE ÁMBITO MUNICIPAL
A concelleira de Benestar Social, Catalina García, indicou que o Concello destinará unha partida global de 40.000 euros a estas subvencións
Narón, 18 de decembro de 2020. O Concello de Narón abrirá mañá o prazo de solicitude de subvencións dirixidas a asociacións e institucións de carácter social e outras entidades sen ánimo de lucro. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, explicou que o importe das actuacións a subvencionar débese destinar a programas das áreas socioeducativa, sociocultural, de igualdade, de persoas con discapacidade ou drogodependentes, de infancia, inmigración, minorías étnicas, atención a persoas maiores, participación cidadá, xuventude, medio ambiente e saúde. As bases da convocatoria pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia da Coruña de hoxe.
Para poder optar a estas subvencións é obrigatorio que as asociacións e entidades estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás do Concello de Narón, cos datos actualizados no momento de presentar a solicitude e tendo xustificadas as axudas ou subvencións concedidas en anos anteriores polo Concello, de ser o caso, entre outros requisitos.
García indicou que o Concello destinará a estas subvencións unha partida global de 40.000 euros. As axudas poden solicitarse durante os vindeiros 15 días (contados a partir de mañá) a través da Sede Electrónica do Concello, se ben se pode solicitar información ou os impresos no Rexistro Municipal ou no Servizo Sociocomunitario.