A ALCALDESA PARTICIPOU NA MESA DE TRABALLO PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DA COMARCA E URXIR MEDIDAS PARA FREAR O DESMANTELAMENTO DO EMPREGO
Marián Ferreiro incidiu na necesidade de propoñer accións concretas e buscar o compromiso das administracións supramunicipais con competencias na materia
Narón, 9 de febreiro de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, participou esta mañá na Mesa de traballo comarcal na que tamén estiveron presentes representantes políticos doutros concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, do Ministerio de Transición Ecolóxica, da Subdelegación do Goberno, da Xunta de Galicia, das asociacións empresariais AJE, COFER e AEF e dos sindicatos CCOO, CIG e UGT. Na xuntanza, que se prolongou durante case dúas horas, os asistentes coincidiron na urxencia de frear o desmantelamento do emprego na comarca.
A situación de numerosas empresas da zona púxose sobre a mesa e tamén a que padecen outros sectores como o pesqueiro e infraestruturas vencelladas ás comunicacións terrestres. Todos os participantes amosaron a disposición de colaborar para urxir solucións a esta grave problemática, incidíndose na necesidade de que tanto o goberno autonómico como o central se impliquen ao máximo e tomen as decisións oportunas para blindar o emprego na comarca.
Dende os gobernos locais demandáronse “accións concretas” e unha “folla de ruta” para trasladar ás administracións supramunicipais a problemática existente e urxir respostas e solucións. Nesta mesma liña se manifestou a alcaldesa da cidade, que requeriu na xuntanza desta mañá que se marcasen “as accións a seguir de aquí en diante porque todos coincidimos en que a situación desta comarca é moi grave e, polo tanto, urxe tomar as medidas que permitan frear esta situación e buscar o compromiso das administracións con competencias nesta materia”.