Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E O EDIL DE OBRAS VISITARON OS TRABALLOS DE URBANIZACIÓN DO VIAL DE ACCESO AO NOVO CENTRO DE SAÚDE
Marián Ferreiro e o edil Pablo Mauriz percorreron o tramo do Camiño do Lodairo donde se executan as obras, que avanzan a bo ritmo
Narón, 10 de abril de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse ás inmediacións do novo centro de saúde do Alto para ver os avances nos traballos de urbanización do vial de acceso ás citadas instalacións sanitarias. O Concello de Narón destina unha partida de 575.000 euros ao proxecto de acondicionamento exterior do ámbito do Plan Especial de Dotacións en Freixeiro, con cargo ao que se acometen as obras no citado vial. “Os traballos que se executan dende hai unhas semanas no Camiño do Lodairo están avanzando a moi bo ritmo”, asegurou Ferreiro, que destacou “o esforzo inversor que realizará o Consistorio naronés para urbanizar este vial, dotalo dos servizos que precisará o centro de saúde e habilitar un importante número de prazas de estacionamento, preto de duascentas”. A rexedora local explicou que o proxecto inclúe ademais a construción de dúas rotondas, unha á altura do centro de saúde e outra na estrada de Castela, na zona de acceso ao Camiño do Lodairo, para dar fluidez ao tráfico rodado. Sobre os traballos Ferreiro recordou que “o vial terá dous carrís de tres metros de ancho e na actualidade xa se pode apreciar en parte do tramo o límite da área reservada para o tráfico rodado e das beirarrúas”. En canto aos estacionamentos sinalou que “nas marxes do Camiño do Lodairo habilitaranse máis de medio cento de prazas de estacionamento en batería, que se completarán coas preto de duascentas que se construirán na parcela que está acondicionando o Consistorio fronte ao centro de saúde”. O proxecto inclúe a maiores a dotación de todos os servizos necesarios de cara á entrada en funcionamento das novas instalacións sanitarias: abastecemento, saneamento, telecomunicacións, recollida de pluviais, canalización eléctrica e de gas, instalación dunha rede de rego e alumeado. Ao tempo que avanza a urbanización do vial e o acondicionamento do novo estacionamento tamén continúan os traballos pendientes no centro de saúde, donde xa se comezou a urbanizar o entorno. “Confiamos en que as obras do centro de saúde rematen á maior brevidade para que a administración autonómica poida dotar ao edificio do material necesario para que os profesionais sanitarios poidan exercer o seu traballo nas novas instalacións” asegurou Ferreiro. A alcaldesa recalcou que “dende o goberno local valoramos a colaboración que mantiveron o Concello e Sanidade para que este centro de saúde sexa unha realidade e con ese obxectivo traballamos dende o primeiro día, poñendo a disposición da Xunta os terreos para levantar o edificio e unha achega económica de 1,4 millóns de euros tal e como se recollía no convenio asinado entre as partes”. A maiores, subliñou, “o Concello asume tamén os gastos derivados da urbanización do vial de acceso e os correspondentes á habilitación de preto de duascentas prazas de estacionamento fronte ás instalacións, o que constata a vontade deste goberno local por facer realidade un proxecto tan necesario para ofrecer unha mellor atención e novos servizos ás nosas veciñas e veciños”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal