O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN CURSO DE "OPERADOR/A DE PONTE GUINDASTRE"
A conelleira de Formación, Natalia Hermida, explicou que se ofertan doce prazas para persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón
Narón, 31 de maio de 2021. O Concello de Narón abrirá mañá martes ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de Operador/a de ponte guindastre, cun total de doce prazas. A edil de Formación, Natalia Hermida, anunciou que esta acción formativa se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón. O período para inscribirse permanecerá aberto ata o 8 de xuño ás 13.00 horas.
Hermida explicou que este curso terá unha duración total de 55 horas e que as datas previstas do mesmo son do 15 de xuño ao 1 de xullo. As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, do 15 ao 18 de xuño, e nas instalacións da empresa adxudicataria, ubicadas no polígono de Río do Pozo, o resto dos días. O horario previsto do curso é de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.
Tipos de guindastres, normas fundamentais de uso dos pontes guindastre, manexo de cargas con pontes guindastre, mantemento e verificación, sinalización, cables e tambores de enrolamento, riscos específicos e medidas preventivas, comprobación e verificación de dispositivos de seguridade, cables e eslingas e manipulación e eslingado de diferentes tipos de cargas forman parte do contido desta acción formativa.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.
Para recibir máis información pode consultarse a páxina web do Concello de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).