Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
DOSO CELEBRA O SÁBADO A RECREACIÓN DA ESFOLLA TRADICIONAL
Haberá unha exposición de bonecos de maínzo, un obradoiro sobre o pan e a degustación gratuita de castañas e chocolate.
Narón, 5 de Novembro de 2009.- O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou hoxe en rolda de prensa a 12ª edición do Programa de Recreación da Esfolla Tradicional de Doso que se celebrará nesta parroquia na tarde-noite do sábado 7 de novembro. O edil apostou de novo por enriquecer as tradicións orais con eventos coma este, baseado nunha recreación etnográfica arredor dunha tarefa agrícola e comunitaria desenvolvida nun rueiro agrícola. Nesta celebración se reproducen elementos e valores de base comunitaria mediante a participación da veciñanza e a reconstrucción e práctica activa da cultura popular. A recreación da esfolla de Doso está dirixida ó público en xeral, e na mesma agárdase a presenza de escolares dos centros de ensino de Narón (que realizaron obradoiros de mazarocas) e do movemento asociativo da parroquia, principais organizadores do evento. O Concello de Narón colabora a través do Padroado de Cultura, cunha subvención de 10.000 euros. O programa da 12ª edición da Recreación da Esfolla Tradicional de Doso consta dos seguintes actos: -Exposición de bonecos de maínzo (realizada a partires dos traballos feitos polos alumnos/as de Educación Primaria dos centros de ensino de Narón). -Museo Vivo sobre o ciclo do Pan (no que se pode apreciar todo o proceso de elaboración: dende a plantación do cereal ate o amasado do pan, por medio de máis de cen pezas de carácter etnográfico existentes nas casas dos veciños de Doso, mostrando tamén o xeito de amasado e cocedura tradicional, e o traballo ó vivo de dous artesáns que realizarán traballos de cestería e fiado). -Comitiva dos carros (Dous carros cargados de maínzo sairán do rueiro da Cousa e do adro da Igrexa, acompañados de grupos etnográficos para chegar ó pe da Igrexa de Doso, onde serán recibidos polos bailes e a música dos grupos do Padroado de Cultura). -Esfollado do Maínzo (unha vez descargado o maínzo os máis vellos do lugar, inaugurarán a esfolla coma homenaxe á laboura feita na salvagarda das nosas tradicións). -Porfías e regueifas (os membros dos grupos de danzas tradicionais do Padroado de Cultura protagonizarán cantigas, danzas e desafíos coa finalidade de recrear o contexto no que se desenvolvía a esfolla). -Xogos populares (realizaranse diferentes xogos de corte tradicional, relacionados co maínzo así como obradoiros de construcción de xogos e enredos a base de mazarocas, maínzo e materiais vexetais do entorno da eira). O programa tamén inclúe a actuación musical do grupo de música tradicional “O Faixas” e a degustación gratuita de castañas e chocolate, por parte da Asociación de Veciños “A Naveira” de Doso. O secretario da asociación, Fernando Rodríguez, acompañou hoxe ó Concelleiro de Cultura na presentación desta actividade, e detallou o programa da mesma.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal