Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O RECINTO DO TRECE ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO A "XX FEIRA DO MEL E SECTOR PRIMARIO AFÍN" DE NARÓN
O programa do evento inclúe catas, showcooking, obradoiros infantís, charlas e música, tal e como avanzou o edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego
Narón, 11 de outubro de 2021. O recinto feiral do Trece acollerá o vindeiro domingo, día 17, a vixésima edición da “Feira do Mel e sector primario afín de Narón”. O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, avanzou que este ano participarán preto dunha vintena de expositores de mel e doce vencellados a temática agrícola afín. “A Feira do Mel é unha das máis consolidadas na cidade, algo que constata o feito de que este ano poidamos celebrar a vixésima edición, reunindo a produtores da zona que traerán mel de calidade e tamén ofrecendo a oportunidade de participar en actividades, asistir a charlas e desfrutar da música que se inclúen no programa”, apuntou. As portas do recinto feiral do Trece abriranse ás 11.00 horas e a esa mesma hora, e ata as 12.30 e tamén pola tarde de 16.00 a 18.00 horas haberá varios obradoiros infantís, nos que se poderá participar de balde, relacionados coa apicultura. Así mesmo, ás 12.30 horas terá lugar un showcooking a cargo de Antonio Díaz, que realizará tres mini elaboracións con mel sobre cociña de outono. Pola tarde reabrirá o recinto feiral ás 16.00 horas e ás 16.30 actuará o artista Marcos Mella. Ás 18.00 programouse un relatorio técnico e unha minicata de mel. Dous técnicos da Asociación Galega de Apicultura (AGA) encargaranse de impartir a charla “Da flor á mesa”, sobre o mel, a precedencia, características e cualidades. Así mesmo, outros profesionais vencellados ao mundo da apicultura tamén intervirán nesta edición da Feira do mel. É o caso de Joaquín Lozano, veterinario especializado en enfermidades e doenzas apícolas, e Noela Torre, restauradora e técnica apícola. O programa deseñado para esta edición da feira rematará ás 20.00 horas. O edil de Feiras e Mercados animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a visitar este evento, con entrada de balde, para desfrutar do programa e coñecer máis polo miúdo o mundo da apicultura da man de profesionais no sector.

<<< Decembro 2022 >>>

LMMXVSD
  1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19 20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es