O CONCELLO E A ASOCIACIÓN ÁUREGA ORGANIZAN UNHA CONFERENCIA SOBRE "NENOS/AS CON ALTAS CAPACIDADES, O RETO DE EDUCALOS"
A edil de Ensino, Mercedes Taibo, presentou a convocatoria acopañada da vicepresidenta de Áurega, Estela Brañas, e de Begoña Ramos e Elena Silvar, secretaria e vogal, respectivamente, da entidade
Narón, 14 de xaneiro de 2022. O Concello organiza en colaboración coa Asociación Áurega (Asociación de Familias de nenos/as con altas capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais) a conferencia “Nenos/as con altas capacidades, o reto de educalos”. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentou esta mañá no Concello a iniciativa xunto con Estela Brañas, vicepresidenta de Áurega, e Begoña Ramos e Elena Silvar, secretaria e vogal, respectivamente, da citada entidade. A conferencia terá lugar o vindeiro 22 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas, no Auditorio municipal.
Taibo avanzou que Olga Carmona e Alejandro Busto, psicólogos fundadores do Centro Ceibe e escritores, serán os poñentes nesta conferencia, aberta á participación da cidadanía en xeral.
Pola súa parte, as representantes de Áurega destacaron a implicación do Concello e agradeceron o interese que amosan neste tipo de convocatorias docentes e orientadores/as, “que participan nestas actividades e é moi importante porque educar aos menores con altas capacidades é un reto non só no ámbito familiar senón tamén no educativo”. Dende a citada entidade atenden na actualidade a preto de 80 familias e case cen rapazas e rapaces acoden ás actividades que organizan ao longo do ano.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do correo electrónico: secretaria@auregaasociacion.gal, indicando o seu nome e apelidos.