Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO DO CONCELLO APROBA O REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DOS CENTROS DE MAIORES
O Concelleiro Rafael Rivas tomou posesión como edil do PP, e asumirá a delegación de Obras.
Narón, 25 de Febreiro de 2010.- A Corporación Municipal de Narón reuniuse esta tarde no Concello para celebrar o Pleno Ordinario do mes de febreiro. Entre os asuntos debatidos, destaca a aprobación do Regulamento de Funcionamento do Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros”, que se aplicará tamén ó Centro Municipal de Vivendas da Mariña. O documento, que establece as normas e as funcións destos centros municipais de atención a persoas maiores, foi aprobado por unanimidade. Este Regulamento recolle entre outros aspectos a capacidade total de usuarios de cada un dos centros, establecendo en 150 o número total de prazas do Centro Municipal das Vivendas da Mariña, e fixando en 442 prazas o Centro Comunitario Integrado “Manuela Pérez Sequeiros” (40 destas prazas están reservadas para usuarios do Centro de Día ubicado nestas instalacións). Estos centros están abertos a tódala cidadanía, ofrecendo actividades socioculturais, socioeducativas, hostalaría, comunitarias, deportivas e lúdicas, e cívico-sociais. Ademáis, o novo Centro Integrado tamén funciona como centro de día, ofrecendo servizos xerontoloxicos e asistenciais. O horario dos centros sociais nos meses de outubro a maio será de 9:30 a 21:00 horas, e de xuño a setembro de 10:00 a 22:00 horas. O horario do Centro de Día será durante todo o ano de 9:00 a 19:00 horas. Noutro orde de temas, no Pleno de hoxe tomou posesión Rafael Rivas Grandal, en calidade de concelleiro do Partido Popular de Narón, e sustituíndo a Carlos Díaz Ramil. O novo edil ocuparase da Concellería de Obras, delegación que ata o de agora levaba o concelleiro saínte. Na Sesión Plenaria tamén foron aprobadas as expropiacións necesarias para acometer o proxecto de recuperación do borde litoral do río Xuvia, que fixa en 538.238,47 euros os gastos necesarios para levalo a cabo. O Concello aprobou os informes das alegacións tendo en conta as matizacións feitas polos técnicos e solicitará á Xunta a declaración da ocupación urxente dos bens e dereitos abranguidos no proxecto. Este acordo foi adoptado cos votos a favor dos socios do goberno (TEGA e PP), e a abstención dos grupos da oposición (PSOE e BNG). Outro punto refrendado foi o nomeamento de dúas rúas de nova apertura, ás que se dará o nome de Rúa Meigas (paralela ó Lugar das Viñas e perpendicular ó Camiño da Veiga e á rúa Torres) e Rúa Araceli Fraga (paralela á Rúa Garda e perpendicular ás Rúas Rosal, Tui, Cangas e Bouzas). A Corporación Municipal tamén aprobou por unanimidade a Declaración Institucional en apoio e respaldo á candidatura da Fundación Vicente Ferrer ó Premio Nobel da Paz. O Concello de Narón, que ten amosado en moitas ocasións o seu compromiso coa Cooperación Internacional e cos movementos a prol dos máis desfavorecidos, súmase á Plataforma –creada en Facebook- para propor a candidatura da Fundación ó Premio Nobel da Paz do cooperante español, que adicou a súa vida a tentar erradicar a pobreza extrema na India. Fora da orde do día, foi aprobada por unanimidade a Declaración Institucional en conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. O Concello comprométese neste documento a continuar traballando na procura da igualdade de oportunidades entre o home e a muller, e insta á Xunta de Galicia a elaborar un Plan de Emprego para as mulleres e a desenvolver as actuacións previstas na Lei Galega para a prevención e tratamento Integral da Violencia de Xénero. No capítulo de mocións, foron debatidas un total de catro propostas. Primeiramente expúxose a moción do PP de adhesión ó manifesto “Galicia ten dereito”, sobre a reforma da Lei de Caixas. Os populares aseguran que sen a fusión das dúas caixas galegas, Galicia ficaría sen sistema financeiro propio, perdendo un dos principais instrumentos para o seu desenvolvemento económico. Este manifesto xa fora aprobado polo PP e BNG no Parlamento de Galicia, o pasado 5 de febreiro. Hoxe no Pleno foi refrendado cos votos a favor de PP e BNG, e a abstención de TEGA e o PSOE. De seguido, foi presentada unha moción do BNG tamén sobre a adhesión do Concello de Narón a este manifesto, apoiada cos votos de BNG, TEGA e PSOE e a abstención do PP. Os nacionalistas manifestan na súa proposta que Galiza ten dereito a ter un sistema financeiro eficiente ao servizo do País, regulado polo seu Parlamento, como expresión do autogoberno. Tamén afirman que Galicia ten dereito a que o Estado respecte o autogoberno galego, e a propiciar a fusión das súas caixas. Sobre a reforma do sistema de pensións foi presentada unha moción dos grupos municipais de TEGA, PP e BNG instando ó goberno do Estado a que non recorte o poder adquisitivo dos pensionistas e que todos os asuntos relativos á modificación do sistema de pensións sexan abordados no seo do Pacto de Toledo, de acordo cos interlocutores sociais e os grupos parlamentarios, co fin de asegurar un marco de pensións xusto e sostible. Estos tres partidos aprobaron a moción, mentres que o PSOE abstívose.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal