Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO PARA QUE AS FAMILIAS SOLICITEN PARTICIPAR NO PROGRAMA "VACACIÓNS EN PAZ"
A concelleira de Benestar Social, Catalina García, informou hoxe do programa xunto coa delegada na comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Martínez
Narón, 19 de abril de 2022. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, e a delegada da comarca da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), Maite Martínez, presentaron hoxe no Concello unha nova edición do programa “Vacacións en Paz”. A edil naronesa avanzou que este ano virán á cidade oito nenas e nenos nados no ano 2014, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia). “As nenas e nenos que veñen este ano á cidade é a primeira vez que saen dos campamentos de refuxiados”, explicou García, que avanzou que a previsión é que cheguen a finais de xuño ou principios de xullo e permanezan ata principios de setembro coas familias de acollida. García apelou á colaboración cidadá para que “aquelas familias que poidan participar no programa o fagan ou, no caso de querer informarse sobre o mesmo contacten co Concello para que lles aclaremos posibles dúbidas sobre este programa”. Pola súa banda, Maite Martínez valorou a colaboración do Concello naronés, que leva máis de vinte e cinco anos participando no programa “Vacacións en Paz” e asegurou que “está previsto que veñan a Narón oito menores, pero no caso de que houbera máis familias interesadas en sumarse a este programa poderían ser máis”. Finalmente, García agradeceu “o traballo que ano tras ano realiza a Sogaps para que os menores que viven nos campamentos de refuxiados saharauis poidan vir unhas semanas a Galicia, afastándose das elevadas temperaturas que se rexistran en Arxelia no verán e tamén recibindo unha vez aquí atención sanitaria para unha revisión médica”. A concelleira naronesa subliñou “o importante labor que realizan todas as familias que fan posible que sigamos mantendo este programa, porque sen a súa disposición e colaboración sería imposible facelo”. As persoas que desexen recibir máis información ao respecto poden escribir un correo electrónico á dirección: concellerias@naron.es, debendo indicar o nome e apelidos e un teléfono de contacto. Unha vez recibido o correo, dende o Concello informarán ás persoas interesadas sobre o procedemento a seguir para participar no programa “Vacacións en Paz”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal