Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O EDIL DE TERRA GALEGA GUILLERMO SÁNCHEZ FOJO ABANDONOU NO PLENO DE HOXE A PRIMEIRA LIÑA DA POLÍTICA LOCAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os portavoces dos grupos políticos da corporación local tiveron palabras de agradecemento para o labor e a persoa de Sánchez Fojo
Narón, 29 de setembro de 2022. O concelleiro de Terra Galega Guillermo Sánchez Fojo renunciou hoxe oficialmente á súa acta no Concello durante a sesión plenaria, na que se lle agradeceu a súa desinteresada dedicación e atención ao Concello de Narón. Así mesmo, acordouse solicitar á Xunta Electoral Central a expedición da credencial para que ocupe a acta de concelleira a persoa que ocupaba o número 11 na lista de Terra Galega ás eleccións municipais do ano 2019, Olga Ameneiro. Realizando un repaso por estes 35 anos no Concello, Sánchez Fojo iniciou a súa intervención plenaria. “Quero dar as grazas en primeiro lugar ao pobo de Narón, sen o que non estaría aquí; en segundo aos alcaldes da democracia de Narón, Antonio Martínez Aneiros, Xoán Gato, ao meu compañeiro e amigo José Manuel Blanco e sobre todo á alcaldesa, Marián Ferreiro e o resto de compañeiros de partido, aos compañeiros da oposición que gobernaron con lealdade, e tamén a todos os funcionarios do Concello de Narón, comezando polo secretario, ás persoas que formaron o comité polo seu importante traballo…”, asegurou, para a continuación desexar sorte aos seus compañeiros e compañeiras e agradecer o seu comportamento. A continuación tomaron a palabra os portavoces dos grupos políticos municipais. Olaia Ledo, do BNG, que asegou que “formas parte da historia de Narón e témolo moi claro”, destacando a súa “fidelidade á túa organización” e a sua defensa de Galicia, da cultura e da lingua galega. Así mesmo, o voceiro socialista, David Pita, valorou o tempo compartido no goberno con Sánchez Fojo, ao que definiu como un histórico da política de Narón e agradeceulle o seu labor. O portavoz do PP, Germán Castrillón, desexoulle sorte na nova etapa e recoñecendo “as lóxicas diferencias políticas”, amosou o agradecemento “por participar contigo na política de Narón”, felicitándoo polo traballo realizado no Concello. Tamén interviu o portavoz de Terra Galega, Román Romero, que recordou os inicios na política local de Sanchez Fojo, dende o movemento asociativo. Definíndoo como “un dos mellores mestres que se pode ter” e destacando a súa experiencia e o privilexio do tempo compartido. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, tamén tamén agradeceu o labor de Sánchez Fojo, do que se despediu “como unha amiga”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, calificou o día como “agridoce”, agrio “porque deixa a corporación local unha persoa que significa moito para min, un fiel compañeiro neste complexo mundo da política que deixa unha fonda pegada na historia da cidade e entre os seus compañeiros e compañeiras, e doce porque sei que disfrutarás ao máximo desta nova etapa”. “Guillermo, moitas grazas por todo o teu tempo, pola confianza amosada na miña persoa en particular e no resto de persoas que nos fomos sumando ao que era o voso equipo, no seu día Unidade por Narón. Quero que saibas que te imos botar moito en falta. Estes plenos non serán os mesmos sen ti, sen esas acaloradas pero sempre respectuosas intervencións para defender o que en cada momento considerabas máis xusto para a cidadanía”, recalcou a alcaldesa antes de que coa corporación e público en pé e aplausos abandonase o salón de plenos Sánchez Fojo. O terceiro punto da orde do día foi a aprobación definitiva do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Narón proposto polo equipo redactor e incluído na EDUSI “”Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O obxectivo do PMUS é analizar a mobilidade e o planeamento urbano municipal, establecendo unha serie de retos e obxectivos que se acometan a través dun plan de acción con medidas orzamentadas e temporizadas para conseguir un Narón máis sostible e eficiente, tal e como se recolle no documento. Entre eses obxectivos figuran: mellorar a calidade de vida da cidadanía reducindo o tempo de desprazamentos, cunha mobilidade máis responsable e fomentando os desprazamentos a pé ou en transporte público. Tamén se aposta por reducir o impacto ambiental derivado do transporte, o aforro enerxético, promover un planeamento urbanístico sostible e acadar unha maior funcionalidade e eficiencia económica. Estas propostas desenvolveranse a través de programas específicos de mobilidade peatonal, ciclista e dun plan de mellora da seguridade viaria, recolléndose en todos eles unha serie de propostas ou programas específicos. No pleno desta mañá tamén se aprobaron os festivos locais para o vindeiro ano, que serán o 21 de febreiro, Martes de Entroido, e o 23 de novembro, Día de Narón. A maiores, saíu adiante inicialmente un expediente de modificación de crédito por importe de 239.122 euros, con cargo ao que se redactarán proxectos e se abonarán as certificacións finais de obras de mellora de accesibilidade e eficiencia enerxética, como as executadas nas rúa Marcial Calvo, Espronceda e Luis de Góngora, no edificio da Feira do Trece ou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. Na sesión plenaria aprobouse tamén a participación do Concello no POS+ Adicional 2/2022 2ª Fase, con cargo ao que se aproban os proxectos de acondicionamento do local social da Asociación de maiores de Santa Icía -261.689 euros-; mellora da seguridade vial na rúa da Garda –que pasa a 211.399 euros- e mellora e ordenación do aparcamento no estadio de Río Seco -128.346-. Ao Concello correspóndenlle un total de 1.043.547 euros, co que a maiores das actuacións anteriormente citadas tamén se destinarán 442.113 a revisión excepcional de prezos de obras municipais.

<<< Decembro 2022 >>>

LMMXVSD
  1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19 20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es