Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHA TRINTENA DE PERSOAS PARTICIPA DENDE ONTE NAS "II XORNADAS MICOLÓXICAS DE NARÓN"
O Pazo da Cultura acolle as sesións máis teóricas e o programa rematará cun paseo micolóxico pola ribeira do río Belelle
Narón, 14 de outubro de 2022. O Pazo da Cultura acolle dende a tarde de onte a segunda edición das Xornadas micolóxicas de Narón, organizadas polo Concello en colaboración coa Asociación Micolóxica Viriato. Unha trintena de persoas –o total das prazas habilitadas- participa nesta convocatoria, que continuará esta tarde no Café Teatro do Pazo e rematará mañá cun paseo micolóxico. Na tarde de onte ao longo de case dúas horas os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer da man de expertos unha serie de conceptos básicos sobre fungos e cogomelos e tamén de aclarar algunhas dúbidas que xurdían sobre a súa recolección e a normativa autonómica en vigor. Así mesmo, puideron ver algunhas das especies que o persoal da Asociación Micolóxica Viriato recolectou para a ocasión, con variedades de fungos e cogomelos habituais nesta comarca. Hoxe mesmo haberá unha nova sesión destas xornadas no Café Teatro, de 19.30 a 21.00 horas, na que se continuarán abordando diferentes aspectos vencellados á micoloxía. As xornadas rematarán mañá tras un paseo micolóxico con saída programada ás 10.00 horas da Escola de Maciñeira, no veciño municipio de Neda. Ese será o punto de encontro para partir por un tramo da ribeira do Belelle –pola zona do Roxal- para observar os cogomelos que vaian atopando e aprender a diferenciar os comestibles dos tóxicos. Dende o Concello de Narón destacouse o éxito que novamente este ano acadaron estas xornadas, cunha excelente acollida por parte das veciñas e veciños.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal