Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA "A FUXIDA DO BOU RAMÓN" INAUGURARASE MAÑÁ NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, indicou que tamén se proxectará un documental sobre esta temática
Narón, 24 de outubro de 2022. A Biblioteca municipal acollerá dende mañá e ata o 10 de novembro a exposición fotográfica “A fuxida do bou Ramón”. A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, avanzou que a mostra está formada por imaxes que relatas a historia protagonizada por 27 republicanos que no ano 1939 partiron nun barco pesqueiro dende Ares para atopar o camiño da súa salvación. Este mesmo xoves, ás 18.00 horas, proxectarase o documental “A fuxida do bou Ramón” e a continuación haberá unha visita guiada á exposición na que participará persoal da Asociación Memoria Histórica Democrática, que ofrecerá máis datos sobre estes feitos históricos. “A fuxida do bou Ramón” conta a historia da fuga de 27 persoas da comarca de Ferrol, dende Ares, no ano 1939 disfrazados de Gardas Civís, un falanxista e varios presos, todos eles republicanos. Marchan tralo trunfo franquista planeando unha fuxida temeraria no barco “bou Ramón”, coa complicidade dos seus dez tripulantes e con rumbo ao sur de Inglaterra. Todos eles desembarcaron no porto francés da Rochelle pero as autoridades francesas encerráronos no campo de concentración de Barcarès, con milleiros de exiliados republicanos. As represalias sufríronas en Galicia as súas familias. A proxección do vídeo e as visitas guiadas repetiranse os días 2 e 9 de novembro, tamén ás 18.00 horas. A participación é aberta ao público en xeral e poderanse establecer visitas privadas para grupos en horario de mañá (entre as 10.00 e as 13.00 horas). Os centros, asociacións ou outras entidades interesadas en asistir deberán contactar co persoal da Biblioteca municipal a través do teléfono 981 382 173 ou do enderezo electrónico: biblioteca.central@naron.es para establecer a data e hora da súa visita. Os horarios para visitar a mostra son, de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00, tal e como indicou Taibo. A edil naronesa asegurou que “tanto a visita á exposición como a proxección do documental representan unha oportunidade para recuperar e coñecer unha parte da nosa historia, que afectou a moitas persoas da nosa comarca e que non debe quedar no esquecemento”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal