Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OLGA AMENEIRO LÓPEZ TOMOU POSESIÓN NO PLENO DA SÚA ACTA COMO CONCELLEIRA DE TERRA GALEGA
Os edís de TEGA, PSOE e BNG aprobaron unha moción instando á Xunta a realizar investimentos na cidade con cargo aos novos orzamentos
Narón, 27 de outubro de 2022. A concelleira de Terra Galega Olga Ameneiro López, tomou posesión da súa acta na sesión plenaria celebrada esta tarde. A renuncia no pasado pleno do edil Guillermo Sánchez Fojo levará á nova edil a ocupar a acta de edil de TEGA, e asumirá a Concellería de Cultura, que ostentou nos últimos anos o seu predecesor. Olga Ameneiro ocupou o número 11 das listas de Terra Galega nos comicios municipais celebrados no ano 2019. Na sesión plenaria tamén se procedeu, por unanimidade, a incluír no inventario municipal de bens o edificio do antigo centro de saúde, ubicado na rúa 25 de Xullo, coa natureza de ben patrimonial. A titularidade das instalacións é municipal tralo acordo de colaboración adoptado no seu día dende o Concello e o Servizo Galego de Saúde para a construción do novo centro. Así mesmo, aprobouse no pleno o incremento das tarifas urbanas de taxi nun 5% sobre as actualmente en vigor. A finalidade, tal e como indicaron dende o colectivo, é paliar a merma na actividade profesional do colectivo dende a pandemia pola Covid-19 e tamén a alza de custes dos últimos meses, feitos que, como indican, requiren unha revisión ás tarifas que se viñan aplicando ata o momento. Outro dos puntos da orde do día da sesión foi a proposta de modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, que contempla, entre outros puntos, o incremento da categoría de dez bombeiros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón. A medida materializa o acordo adoptado no seu día na Mesa de negociación coa Xunta de Persoal e cun acordo unánime, e contempla a maiores o incremento da categoría doutros dez profesionais do servizo o vindeiro ano, tal e como indicou o voceiro de TEGA, Román Romero. No pleno aprobouse tamén unha modificación extraxudicial de crédito que priorizará dúas actuacións na cidade cofinanciadas con cargo a fondos europeos (EDUSI), a pacificación do entorno do CEIP Piñeiros e a senda peonil do Camiño do Edreiro, valoradas conxuntamente nun 106.000 euros. A proposta de ditame sobre a adopción de diversos acordos en materia de saneamento foi outro dos puntos aprobados na sesión plenaria desta tarde. Neste punto, sobre o acordo adoptado polo Concello de Ferrol no pleno do pasado mes de agosto da reclamación a Narón dunhas “débedas contraídas co Concello de Ferrol en concepto de saneamento”, na sesión rexeitouse o citado acordo de liquidación do período de abril de 2017 a decembro de 2019 e as liquidacións complementarias dese mesmo período, cun reparto de custes establecido unilateralmente por Ferrol. A maiores, tamén se rexeitan as liquidacións correspondentes ao ano 2020, por ese reparto unilateral e solicítase o reintegro de 156.394 euros ou a xustificación debida das partidas relacionadas coa liquidación. En canto ao exercicio de 2021 pídese, ao igual que nos anteriores, que o Concello de Ferrol revise de oficio a legalidade das contías. Dende o Concello de Narón requírese ao de Ferrol que no dereito de acceso á defensa do expediente facilite unha serie de certificados e documentos sobre o procedemento en curso e tamén a constitución inmediata dunha comisión de estudo, tal e como se ofreceu dende a administración provincial, integrada por representantes políticos, funcionariais e persoal das empresas mixtas que se designe, xunto con representantes da Deputación da Coruña para elaborar un estudo de custes obxectivo do servizo e determinar as formas xestoras do sistema dacordo coa lexislación vixente, co compromiso de que Narón se limite á observancia da proposta que nese senso formule ese persoal técnico independente do organismo provincial. No apartado de mocións aprobouse a presentada polo bipartito naronés, TEGA e PSOE xunto co BNG para solicitar a incorporación de investimentos no Concello de Narón nos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano. Entre as reivindicacións están un Centro Integral de Atención ás Persoas Maiores, un plan de investimentos en centros de ensino públicos, con servizo de comedor e madrugadores; un Centro Integrado de Formación Profesional; renovación das beirarrúas da estrada de Cedeira; un plan de investimento para melloras de vías do termo municipal; un novo centro de Infantil e Primaria no Alto; a xestión das escolas infantís municipais, a mellora da liña de bus Ferrol-A Coruña e unha nova liña para os barrios da Gándara e A Solaina con ruta polo centro de saúde e os institutos, entre outras. A alcaldesa, Marián Ferreiro, solicitou aos edís do PP o respaldo a esta moción, que contempla “investimentos moi necesarios para a cidade”, pero finalmente abstivéronse no momento da votación.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal