Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS POBOADOS DE NADAL DE NARÓN ABREN AS SÚAS PORTAS ESTA TARDE NA PRAZA DA GÁNDARA
Actividades musicais, deportivas e obradoiros completarán a programación prevista para esta semana na cidade
Narón, 19 de decembro de 2022. A programación deseñada para o Nadal na cidade continuará desenvolvéndose esta semana con novas propostas. Esta mesma tarde abrirán as súas portas os Poboados de Nadal, que poderán visitarse ata o 4 de xaneiro –excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro- en horario de 17.00 a 20.00 horas. En total instaláronse unha decena de postos, tres para establecementos da Asociación de Comerciantes de Narón e poderase adquirir bisutería, artículos de coiro e macramé, mel, velas aromáticas, adornos de Nadal, roupa, produtos de alimentación artesá… Dun xeito paralelo, a Praza da Gándara acollerá numerosas actividades esta semana a partir das 17.30 horas. Hoxe queda suspendido debido ás condicións meteorolóxicas o obradoiro de maquillaxe infantil (pintacaras), estando prevista para mañá a actuación do alumnado da Escola de Zanfona do Padroado -17.30- e visitarán a praza dous personaxes de Disney, Minnie e Mickey Mouse -17.30 a 20.00-; o mércores haberá un concerto da Escola de Pandeireta e Canto do Padroado da Cultura; o xoves actuará a Escola de Bailes Tradicionais do Padroado da Cultura -17.30- e terá lugar un concerto de A Banda do Garaxe -18.30- e o venres actuará Xemelgas -17.30-. A programación retomarase o día 26 para continuar ata o 30 de decembro na citada ubicación. Así mesmo, a colaboración entre o Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón permitiu poñer un ano máis en marcha o tradicional Navitrén, que o pasado sábado iniciou as rutas matinais e de tarde cara a Xuvia e a zona da Gándara. Ata o día 23 e do 26 ao 30 deste mes continuarán as viaxes, con saídas das inmediacións do Consistorio ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas. Os tickets para as viaxes entréganse nos establecementos comerciais da ACN por realizar compras ou poden adquirirse ao prezo dun euro na caseta instalada nas proximidades do Concello, á altura da Casa da Cultura. A programación inclúe a maiores unha actividade do programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego, que terá lugar mañá ás 19.00 horas. “Contos maimiños”, de Migallas Teatro, é a proposta que se desenvolverá no Centro Cívico Social do Alto, para cuxa asistencia é precisa inscrición previa –a través do correo: a.pita@naron.es-. O mércores 21 haberá outra proposta organizada conxuntamente polo Concello e a Rede de Normalización Lingüística, “Son no berce”, de A Cova das Letras. Neste caso con dous pases, ás 18.00 e ás 18.30 horas no Centro Cívico Social do Couto e tamén con inscrición previa no anterior correo. Na xornada do venres haberá un novo obradoiro do programa Casa Aberta que terá lugar na Casa da Mocidade, na Gándara. Será de 17.30 a 20.30 sobre Cultura xaponesa e para participar é preciso anotarse, de balde, na Casa da Mocidade o venres ou sábado ou por mensaxe directo de Facebook ou Instagram @acasaabertanaron. O venres 23 de decembro terá lugar unha nova proposta musical na Praza de Galicia, con entrada de balde ata completar a capacidade do recinto. “Rock Narón” regresa á cidade ás 20.00 horas cos concertos do grupo infantil de rock Keepers, Black Yack, Novoplan, Sintrom Ni Son, Gin Toni´s e Broken Peach. Tamén o venres se programou un evento deportivo relacionado co Nadal, “Xogando con Futgal”. O Consistorio, a Real Federación Galega de Fútbol e a Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo organizan este evento deportivo dirixido a menores de 6 a 11 anos e que terá lugar de 9.30 a 20.30 horas no pavillón polideportivo da Gándara. Trátase dunha actividade recreativa e formativa de promoción do fútbol sala impulsada pola RFGF e require inscrición previa nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón, no Complexo polideportivo municipal da Gándara.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal