Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA VISITOU CO VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN E REPRESENTANTES DA CORPORACIÓN LOCAL O REHABILITADO MUÍÑO DE XUVIA
Marián Ferreiro e Xosé Regueira coincidiron en subliñar a importancia desta actuación, cofinanciada polo Concello, a Deputación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)
Narón, 21 de decembro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada provincial María Muíño, desprazáronse esta mañá ao muíño de Xuvia para realizar un percorrido polas instalacións, unha vez rematadas as obras. Ao acto acudiron tamén os edís de Urbanismo e Obras de Narón, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, os voceiros dos grupos do PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo e persoal da empresa adxudicataria dos traballos e da dirección de obra, se ben non puideron estar presentes os integrantes da AVV Altea, de Xuvia. A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Ferreiro asegurou que “é un orgullo e, ao mesmo tempo, unha gran satisfacción ver o resultado deste traballo, un dos máis importantes a nivel patrimonial realizado non vou dicir neste mandato, senón na historia deste concello”, subliñou. A alcaldesa agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña nesta actuación, “un feito que vén a demostrar unha vez máis que a colaboración entre administracións é fundamental e debe ser prioritaria á hora de executar determinadas obras ou ofrecer certos servizos que redundarán na mellora da calidade de vida e no benestar das nosas veciñas e veciños, supoñendo ademais un revulsivo turístico e económico para este concello neste caso particular”. Pola súa banda, Xosé Regueira indicou que “dende o primeiro momento que se nos trasladou desde o Concello de Narón a solicitude de colaboración na rehabilitación dun dos muíños máis importantes do territorio galego que data do século XVIII, dende a Deputación entendemos que a proposta ateosouraba múltiples razóns para colaborar. Primeiro, pola importancia da propia obra de rehabilitación en si; segundo para complementar o esforzo doutras administracións; e terceiro polo interese público rehabilitación, que vai ter como beneficiarios directos a todos os naroneses e naronesas e indirectamente ao resto de poboación, porque se recupera un elemento de importancia histórica e etnográfica que fala claramente dunha época onde a economía da zona dependía de instalacións deste tipo e tamén porque fala da nosa historia industrial”. A maiores, sinalou que tamén hai que ter en conta “que esta actuación se sitúa no ámbito dun Camiño fundamental que é o Camiño Inglés, polo que tamén estamos contribuíndo a dar a coñecer o patrimonio histórico e singular que temos neste trazado a todas as persoas que o transitan”. Finalmente, destacou a importancia de poder colaborar e deu os parabéns ao Concello de Narón por materializar este proxecto. O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros, dos que a Unión Europea (FEDER) no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” aportou 523.261 euros; a Deputación da Coruña 400.000 e o Concello os 330.305 restantes. “Grazas a esas achegas foi posible materializar este proxecto que nos permitiu recuperar por completo esta edificación, como xa dixen unha das de máis valor histórico da nosa cidade”. A construción está formada polos dous muíños de Lestache, unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache e o seu despacho. As obras executadas permitiron instalar un ascensor, acondicionar a recepción, o patio de distribución, o corredoiro da vivenda, o miradoiro, a sala introdutoria, as salas Lestache, Polivalente, Muíños, Bucau e a Sala da Cultura Industrial. As moendas da construción funcionan como orixinalmente, o que supón un valor engadido polo que sempre se apostou con este proxecto de rehabilitación do muíño, datado do século XVIII, recalcou Ferreiro. A rexedora local explicou que para completar este proxecto, darán tamén comezo o vindeiro ano as tarefas de musealización do muíño, orzamentadas en preto de 240.000 euros e que tamén estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, e o Concello neste caso. A actuación prevista posibilitará que no interior se poidan ver murais da factoría, mapas ilustrados, unha recreación de muíños de pedra, espazos informativos, vitrinas expositivas e outros elementos que reforzarán o valor dos traballos e o investimento a realizar na construción. A alcaldesa reiterou o agradecemento ás administracións supramunicipais que colaboraron neste importante proxecto e tamén destacou o labor de todas e cada unha das persoas do Concello e das empresas que fixeron realidade esta obra.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal