Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A HOMENAXE Á MULLER DO ANO CENTRA A PROGRAMACIÓN DO DÍA DAS MULLERES QUE SE COMPLETARÁ CON ACTIVIDADES CULTURAIS, EDUCATIVAS E DEPORTIVAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a programación xunto coas edís de Igualdade, Mar Gómez, e responsable do Servizo Sociocomunitario, Mercedes Taibo
Narón, 28 de febreiro de 2023. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou xunto coa edil de Igualdade, Mar Gómez e a responsable do Servizo Sociocomunitario, Mercedes Taibo, os actos programados dende o Concello con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O acto central, tal e como avanzou Ferreiro, desenvolverase na cidade ese mesmo día, coa tradicional homenaxe á Muller do Ano de Narón 2023 no Concello -12.00 horas- e coa posterior visita na Praza da Gándara á exposición “8M Mulleres de Narón”. A mostra está composta por varios tótems, entre eles un coas mulleres que recibiron a distinción de Muller do Ano de Narón e outro de destacadas feministas como a xornalista Virginia Bolten, a ecoloxista Vandana Shiva, Emmeline Pankhurst e as súas fillas Chistabel e Sylvia, a feminista das novas xeracións Emma Watson… entre outras. Na mesma xornada do 8 de marzo iluminaranse de cor malva o Pazo da Cultura, a Casa da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado en Xuvia. Entre os actos centrais está tamén a celebración o vindeiro 10 de marzo da tradicional Cea das Mulleres, que terá lugar no restaurante local Casa Becerra. A cita será ás 21.30 horas e as persoas interesadas en acudir deben anotarse no citado establecemento. Dende hoxe poderase ver no Facebook do Concello un vídeo no que participaron veciñas e veciños da cidade para falar de igualdade e conciliación, muller e saúde, tecnoloxía e violencia machista. A programación global de conmemoración do Día da Muller comezará a desenvolverse coincidindo co inicio do mes de marzo, coa mostra de libros e outros materiais que tratan a situación da muller ao longo da historia: “Letras que r8Mpen o teito de cristal”, que se poderá ver ata o día 11 de marzo na Biblioteca. O propio día 11 nas citadas instalacións tamén se poderá asistir ao contacontos “E ti que queres ser de maior?”, un contacontos para público infantil e familiar a cargo de Trémola Teatro e que reflexiona sobre os prexuízos e estereotipos relacionados coas profesións. Así mesmo, mañá o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá ás 11.30 horas a presentación da segunda edición do libro “As Mulleres de Narón”. Os centros de ensino da cidade acollerán en marzo obradoiros sobre a historia do feminismo e participarán no deseño de exposicións, unhas propostas dirixidas a escolares de terceiro e cuarto curso de Primaria e primeiro da ESO. Serán tamén as nenas e nenos os protagonistas dunha proposta deseñada na Ludoteca da Solaina, onde do 6 ao 10 de marzo levaranse a cabo obradoiros de xogos feministas e actividades de animación á lectura. Esta mesma fin de semana, comezará o VIII Festival Internacional do monólogo teatral Singular, unha convocatoria cultural no Pazo da Cultura protagonizada por mulleres e que inclúe espectáculos para público adulto, infantil e tamén outras actividades paralelas, como unha rolda de negocios……. No ámbito deportivo, este domingo ás 11.00 horas sairá do pavillón polideportivo da Gándara a “II Carreira e andaina pola Igualdade”, cuxo prazo de inscrición remata mañá pola noite e no que xa están anotadas unhas 400 persoas. A programación continuará o 7 de marzo no Café Teatro do Pazo, que acollerá a presentación do libro “Voces da memoria con ollos de muller”, ás 19.00 horas, da profesora, escritora e investigadora Ánxela Loureiro. O día 18 de marzo ás 17.00 horas presentarase na Praza da Gándara “Ciencia na rúa”, unha serie de actividades relacionadas coas habilidades STEAM para descubrir referentes femininas, unha proposta na que colabora a Asociación Áurega. O día seguinte, o 19 de marzo, o Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro será o lugar onde se imparta ás 19.30 horas a charla, “A saúde mental na maternidade/paternidade” e o día 25 nesa mesma ubicación, ás 11.00 horas falarase sobre “Que ten que ver a comida coa saúde mental?”, sendo as ponentes catro mulleres. A alcaldesa animou á cidadanía a sumarse aos actos públicos que se celebrarán con motivo do 8 de Marzo, “para continuar traballando neste camiño no que temos que seguir avanzando e no que dende o Concello continuamos apostando por impulsar durante todo o ano varias iniciativas, defendendo sempre a necesidade dunha igualdade real”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal