Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ACTIVIDADE DE CONCILIACIÓN "COLE ABERTO EN SEMANA SANTA"
A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, explicou que a iniciativa se dirixe a menores de 3 a 12 anos
Narón, 1 de marzo de 2023. Os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroados ou escolarizados en Narón e cuxos dous membros parentais traballen son os destinatarios da actividade “Cole aberto en Semana Santa”, unha proposta de conciliación da vida familiar e laboral que activará o Concello os días 3, 4, 5 e 10 de abril. A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, anunciou que o prazo de inscrición abrirá mañá e poderán anotarse un máximo de 23 menores. As actividades programadas levaranse a cabo nas instalacións do CEIP A Gándara en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, se ben se ofrecerá tamén servizo de madrugadores de 8.00 a 9.00 e de acompañamento ata a recollida ao mediodía entre as 14.00 e as 15.00. Gómez avanzou que os menores realizarán unha serie de propostas adaptadas ao seu grupo de idade, abordando contidos educativos transversais como a educación para a paz e non violencia, a tolerancia, diversidade, solidariedade, igualdade de xénero, educación para a saúde, coidado medioambiental e consumo sostible, entre outras. “Fortalecer entre as nenas e nenos unha serie de valores vencellados á cooperación, o respecto e a tolerancia forman tamén parte dos obxectivos deste programa, co que queremos contribuír na conciliación da vida familiar e laboral durante o período vacacional dos colexios en Semana Santa”, asegurou. As nenas e nenos poderán acudir de balde ao “Cole aberto en Semana Santa". As instancias poden presentarse dende mañá ás 8.30 horas ata o 10 de marzo ás 13.30 horas a través da Sede Electrónica de Narón, no Rexistro do Concello ou en calquera dos lugares establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das administracións públicas. Para recibir máis información pódese consultar a Sede Electrónica ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1115). As prazas adxudicaranse por sorteo público o día 23 de marzo ás 9.00 horas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal