Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNADO DO CPR JORGE JUAN E DOS IES DAS TELLEIRAS E TERRA DE TRASANCOS PARTICIPOU ESTA MAÑÁ NUN PLENO ESCOLAR CONVOCADO NO CONCELLO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o pleno acompañada pola edil de Ensino, Mercedes Taibo, e o secretario Xeral do Concello, Alfonso de Prado
Narón, 3 de marzo de 2023. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá un pleno moi particular, no que ocho alumnas e alumnos do CPR Jorge Juan e dos IES das Telleiras e Terra de Trasancos se convertiron por un día en concelleiras e concelleiros e levaron varias propostas a unha sesión na que tamén participaron a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e o secretario Xeral do Concello, Alfonso de Prado. Os menores estiveron acompañados por persoal docente dos seus respectivos centros. Os primeiros en plantexar as súas propostas foron os representantes do IES Terra de Trasancos, Ainara Calvo e Yaiza Sanmartín. Neste caso interesáronse polas instalacións deportivas, en concreto os campos de fútbol, os servizos e recursos dispoñibles para menores con discapacidade e a convocatoria de charlas sobre temas necesarios para a mocidade. A segunda rolda de intervencións foi para Javier Oliveira, Daniela Camiña e Alba Valles, do IES das Telleiras, que enfocaron as súas propostas cara aos pavillóns polideportivos e os espazos para a práctica de deporte ao aire libre, o servizo de bus escolar e os concertos para a mocidade. E, finalmente, o alumnado do CPR Jorge Juan, en concreto Yeray Niebla, Hugo Vergara e Grecia Vilas, en representación do centro, tamén se decantaron por abordar entre as súas tres iniciativas as infraestruturas deportivas municipais e, a maiores, sobre a información e recursos de educación sexual para a mocidade e a programación de eventos, festas e festivais para persoas da súa idade. Durante un tempo de cinco minutos expuxeron cada unha das propostas para a continuación abrir un turno de comentarios e preguntas e outro de réplica. A rexedora local respostou ás cuestións sobre as que se interesou o alumnado e, ao mesmo tempo, interesouse por coñecer a visión que as mozas e mozos da súa idade teñen da cidade, en canto a infraestruturas, servizos deportivos, actividades deportivas e culturais, etc. Os representantes dos centros destacaron a importancia desta iniciativa de Participación Cidadá impulsada dende o Consistorio naronés en canto á posibilidade que ofrece de establecer canles de comunicación con persoas dunha idade moi concreta. Finalmente, Marián Ferreiro agradeceu a participación dos tres centros, tanto do persoal docente como do alumnado que traballou nas aulas coas materias que hoxe se expuxeron no Concello e animou ao colectivo a continuar realizando propostas do seu interese para a cidade.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal