Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A AVV "OS IRMANDIÑOS" DO VAL CELEBRARÁN DENDE MAÑÁ OS ACTOS DA RECREACIÓN DA LENDA DA PENA MOLEXA
A concelleira en funcións de Cultura, Olga Ameneiro, e a presidenta da AVV "Os Irmandiños", Manoli Castro, presentaron a programación
Narón, 8 de xuño de 2023. A programación da Recreación da Lenda da Pena Molexa dará comezo mañá venres coa tradicional andaina solsticial. Así o anunciaron esta mañá a concelleira en funcións de Cultura, Olga Ameneiro, e a presidenta da Asociación veciñal “Os Irmandiños” do Val, Manoli Castro. O Concello organiza un ano máis a convocatoria a través do Padroado da Cultura e en colaboración coa citada entidade veciñal. A andaina solsticial dará comezo mañá ás 22.30 horas e partirá como cada ano do convento de Baltar, dende onde partirán os participantes ata a Pena Molexa portando fachos cos que iluminarán o percorrido. As actividades continuarán este sábado, día 10, cun roteiro cicloturista que partirá ás 11.00 horas das inmediacións do centro cívico social do Val. O equipo de Educación Viaria de Narón colabora nesta iniciativa, aberta á participación da cidadanía en xeral e que non precisa de inscrición previa. A Ruta cicloturista, programada para dar a coñecer o patrimonio da parroquia do Val, discorrerá por zonas de castros, casas medievais e construcións eclesiásticas, como son no caso desta parroquia da cidade a igrexa de Santa Margarita ou o convento de Baltar. A duración do percorrido, cunha dificultade baixa, será dun máximo de dúas horas, tal e como indicaron dende a organización. O acto central deste evento terá lugar o sábado 17 de xuño, xornada para a que se convocaron varias actividades. Ás 18.00 horas haberá unha sesión de xogos tradicionais e populares para que poidan desfrutar deles todas as persoas que acudan. A cita terá tamén un apartado gastronómico, cunha churrascada popular a partir das 20.00 horas e outro musical, cun concerto da formación “Treixadura” dende as 22.00 horas e música popular a cargo da Charanga Alxibeira a partir das 00.30 horas. Media hora antes, ás 00.00 horas, será a tradicional recreación da Lenda da fada da Pena Molexa, na que alumnado da Escola de Teatro de Narón representará a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha, coincidindo co solsticio de verán. Dende a AVV animaron á veciñanza a desfrutar desta programación, con propostas para persoas de todas as idades. Así mesmo, Olga Ameneiro valorou o traballo da Asociación de Veciños “Os Irmandiños” e a súa colaboración e a de todo o persoal que se implicará para seguir levando a cabo esta festividade, “unha das máis representativas da nosa cidade”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal