O Concello executa actualmente estos traballos, xunto coas beirarrúas da Estrada Miguel de Cervantes, cofinanciados con fondos FEDER.
Narón, 19 de Febreiro de 2011.- O Concello de Narón está a desenvolver na actualidade un importante proxecto de mellora da Avenida Miguel de Cervantes, en Freixeiro, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea. Trátase da Reforma da Ponte sobre o río Freixeiro na Avenida Miguel de Cervantes, cuxo orzamento total ascende a 381.465,51 aportados entre o Concello (30%) e o FEDER (70%).
O proxecto foi deseñado con tres obxectivos fundamentais:
-Mellorar a xeografía da ponte sobre o Río Freixeiro, a fin de minimizar a superficie afectada pola crecida do río, o que provoca frecuentes inundacións
no entorno da avenida Miguel de Cervantes.
-Mellorar a seguridade vial nesta estrada.
-Recoller os dous puntos de verquido existentes nas inmediacións da ponte sobre o río Freixeiro, e mediante un colector conectalos á estación de bombeo existente.
Para cumprir o primeiro obxectivo, o Concello está a demoler a estructura previa da ponte sobre o Río Freixeiro, de cara á construcción dunha nova cun sistema de reforzo do encauxamento do río, consistente en muros de escollera de altura variable que protexerán os taludes actuais.
Dado que sobre a ponte circulan vehículos actualmente o tráfico está cortado neste punto, por motivo das obras- colocarase un pretil metálico para a protección e contención dos mesmos neste punto. Esta actuación estará finalizada no mes de marzo, tal e como indicou o Concelleiro de Obras, Angel Perfecto Castro.
Para mellorar a seguridade vial, o Concello está a ampliar a calzada pola súa parte esquerda, co fin de acondicionar beirarrúas en diferentes tramos da estrada Miguel de Cervantes (CP-3614, de titularidade provincial), cun ancho
mínimo de 1,50 metros. Tamén se executará a rede de pluviais e se reforzará o pavimento existente, de cara á súa homoxeneización. Posteriormente realizarase o repintado das marcas viais.
Anexo á ponte existente ubícanse dous colectores que verten en cada unha das márxenes, directamente ó río Freixeiro. A obra proxectada ten como obxectivo recoller esos verquidos mediante a execución dun colector de saneamento, que atravesará o río baixo cauce e se conectará mediante a execución dun pasamuros de acero inoxidable á estación de bombeo.
O prazo de execución destos traballos, adxudicados á empresa Jesús Martínez, estímase en cinco meses.