OS CONCELLOS DE NARÓN E VALDOVIÑO LEVANTAN A ACTA DE DESLINDE DOS RESPECTIVOS TERMOS MUNICIPAIS
Os límites discurren por viais públicos, e deberán ser aprobados polo Instituto Xeográfico Nacional.
Narón, 18 de Xuño de 2012.- Narón acolleu hoxe unha xuntanza de traballo entre representantes municipais e técnicos dos concellos de Narón e Valdoviño, para presentar o informe sobre os deslindes entre ambos municipios. O documento foi elaborado pola empresa Proyfe en colaboración co Arquitecto do Concello de Narón, Manuel Otero, e o Arquitecto Técnico do Concello de Valdoviño, Ramón Couce. O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, felicitou a ambos técnicos municipais polo traballo feito, dada a complexidade do proxecto.
Así, téñese presentada e aprobada unha proposta na que a liña de deslinde se divide en catro tramos:
Tramo I: Pena Lopesa -Intersección estrada AC-116 Ferrol-Valdoviño (por Meirás)
Tramo II: Intersección estrada AC-116 Ferrol-Valdoviño (por Meirás)- Intersección estrada AC 566 Narón-Valdoviño.
Tramo III: Intersección estrada AC-566 Narón-Valdoviño- Intersección estrada CP-5404 Xuvia-Valdoviño.
Tramo IV: Intersección estrada CP-5404 Xuvia-Valdoviño – Vértice 3, onde se unen os termos municipais de Narón, San Sadurniño e Valdoviño.
O Alcalde de Narón confirmou que a liña de límite proposta entre Narón e Valdoviño non altera a situación xurídica das propiedades privadas existentes, xa que discurre por viais públicos ou por parcelas da concentración parcelaria.
Unha vez finalizada a operación de deslinde, tanto o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, coma o Alcalde de Valdoviño, Jose Antonio Vigo, manifestaron a súa conformidade co documento prantexado, que o elevará ó Pleno de ambas corporacións para a súa aprobación inicial. Pero ademais, o documento será enviado posteriormente á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e ó Instituto Xeográfico Nacional (Madrid) ó ser precisa a súa aprobación.
Unha vez obtida a conformidade de ambos organismos, o deslinde xeográfico entre Narón e Valdoviño entenderase como efectivo.