A ALCALDESA E O EQUIPO DE EDUCACIÓN VIARIA DO CONCELLO RECOLLERON HOXE A MEDALLA AO MÉRITO DA SEGURIDADE VIARIA CONCEDIDA POLA DXT
Marián Ferreiro acompañou aos axentes Pedro Caneiro e Sonia López ao acto oficial de entrega das distincións, celebrado na Praza de María Pita, na Coruña
Narón, 2 de decembro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse esta mañá á Coruña xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, e os responsables do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López. O motivo da viaxe foi a súa asistencia ao acto de entrega da Medalla ao Mérito da Seguridade Viaria, na categoría de bronce con distintivo azul, ao equipo de Educación Viaria de Narón. O delegado do Goberno na Coruña, José Miñones, e a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, entregaron a distinción a Pedro Caneiro e Sonia López no acto desenvolvido na Praza de María Pita.
Ferreiro destacou o traballo do equipo de Educación Viaria e agradeceu á Dirección Xeral de Tráfico este recoñecemento “a moitos anos de traballo en materia de educación viaria, unha das máis firmes apostas do Consistorio naronés dentro da Concellería de Seguridade Cidadá”. A alcaldesa tivo tamén un agradecemento especial, ademais de para Pedro Caneiro e Sonia López, para a comunidade educativa en xeral e todas as familias que se implican en cada proposta que se impulsa dende o goberno local. “Este premio é tamén un recoñecemento a todas e todos eles porque a súa implicación resulta fundamental para que as propostas que impulsamos dende o Concello produzan os resultados esperados”, subliñou a alcaldesa.