Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINA UNS 255.000 EUROS Á URBANIZACIÓN DUN NOVO VIAL ENTRE A RÚA CELSO EMILIO FERREIRO E A AVENIDA CATALUÑA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu na importancia de continuar humanizando os barrios da cidade para facelos máis accesibles
Narón, 3 de agosto de 2022. O Concello destina unha partida de 254.883 euros ao proxecto que permitirá urbanizar o vial de nova apertura entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida de Cataluña. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que se trata dunha intervención “moi necesaria e que mellorará considerablemente a interconexión desa zona da cidade, cunha elevada densidade de tráfico que gañará en fluidez coa apertura do novo vial”. Dende o goberno local realizáronse os trámites oportunos para poñer a disposición os terreos necesarios para acometer os traballos contemplados neste proxecto, para cuxa execución tamén será preciso demoler unha vivenda ubicada no tramo. Aos movementos de terras e pavimentación da calzada súmanse actuacións como a pavimentación das novas beirarrúas e a instalación de servizos –saneamento, abastecemento, electricidade, telecomunicacións…-, así como a de gas e rego e a sinalización horizontal e vertical. O vial terá un ancho total de 12 metros –incluídas as beirarrúas- e unha lonxitude de 56 metros, cunha dirección en sentido de circulación dende a Celso Emilio Ferreiro cara á avenida Cataluña. Na zona verde ubicada que se habilitará plantaranse varias especies arbóreas, habilitarase un área de céspede e colocaranse baldosas de formigón hidráulico coloreado e revestimento coloreado, así como baldosas de formigón táctil coloreadas. Así mesmo, dotarase esta área de mobiliario urbán, concretamente bancos e papeleiras. “Continuamos humanizando os barrios da nosa cidade e esta é unha intervención nese ámbito, que permitirá habilitar no novo vial unha plataforma única e cun espazo verde e outro peonil que enlazará a nova rúa coa que se atopa perpendicular”, destacou Ferreiro, que avanzou que “seguiremos avanzando nesa liña con este proxecto e o xa iniciado na avenida da Solaina”.

<<< Setembro 2022 >>>

LMMXVSD
  1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19 20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
www.naron.es