CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE BICICLETAS USADAS PARA RECONVERTILAS EN AGASALLOS DE NADAL
Trátase dunha proposta do equipo de Educación Vial do Concello, que este ano cumpre a súa segunda edición.
Narón, 29 de Novembro de 2013.- O equipo de Educación Vial do Concello de Narón ven de poñer en marcha –por segundo ano consecutivo- a campaña “A túa vella bici vale un sorriso”. Trátase dunha iniciativa solidaria, pola cal os nenos/as poden doar a bicicleta que teñan na casa e que xa non usen (por estar vella ou ben por quedarlles pequena).
A entrega das bicicletas pode facerse nos Centros Escolares de Narón en horario lectivo, ou ben no Concello en horario de mañá (de 8:30 a 13:30 horas) ata o día 28 de decembro. O equipo de Educación Vial encargarase de arranxalas e poñelas nas mellores condicións posibles, para facer que esas bicicletas que xa non se usaban, sexan o agasallo de Nadal dalgún neno ou nena de Narón.