O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA 'APEGO' PARA FOMENTAR O USO DO GALEGO NAS FAMILIAS
Entregarase material divulgativo para facilitar a crianza en galego.
Narón, 7 de Maio de 2015.- A Concellaría de Educación, dirixida por Mª del Carmen Espada Cortizas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ven de presentar o proxecto Apego, que ten como obxectivo fundamental incrementar a transmisión do galego no seo das familias e favorecer a presenza da nosa lingua como vehículo inicial entre os máis novos.
Este proxecto busca aumentar o uso do galego no contexto familiar e social dos nenos e nenas nas primeiras idades. Para iso poranse en marcha diversas accións coma a creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información, recursos e materiais, organización de obradoiros e actividades e a web www.apego.gal para facilitar a crianza en galego.
Como se recordará, para desenvolver este programa, o luns 23 de marzo once concellos galegos asinaron en Compostela o compromiso para a posta en marcha deste proxecto. Estes concellos son: A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística, anímase a todas as familias que están a esperar un bebé e que queren que a lingua galega forme parte da súa vida, a que se acheguen á oficina deste departamento (situada no 5º andar do Concello) para poder as coñecer actividades e iniciativas dirixidas a elas. Recibirán un agasallo de benvida con materiais e recursos moi útiles, especialmente creados para este tempo de agarda e preparación. O único requisito para formar parte desde programa é achegar un documento asinado polos servizos sanitarios que acredite que están a esperar un bebé, ou no caso de adopcións, deberán presentar o certificado de asignación do/a menor.