A zona dispón de varios elementos de xogo e localízase na rúa Vilalba
Narón, 25 de agosto de 2015.- O Concello de Narón continúa incrementando o número de zonas de xogo infantil localizadas no municipio. Ás xa existentes súmase dende hai unhas semanas o novo parque localizado na rúa Vilalba, no barrio da Gándara. As instalacións supuxeron á administración local un desembolso de 19.311 euros e executáronse con cargo ao orzamento correspondente ao exercicio de 2015.
A área de xogo infantil da rúa Vilalba dispón de varios elementos: columpios, un balancín e un tobogán con dúas zonas anexas para que os nenos e nenas poidan trepar por unha especie de rede. O chan sobre o que se delimita a zona é de baldosas de goma, un material que permite amortiguar posibles caídas e que cumpre a normativa da Unión Europea sobre seguridade infantil neste tipo de espazos.
Nas inmediacións do parque da rúa Vilalba está prevista a construción dunha pista multideporte con cargo ao orzamento municipal do vindeiro ano. As instalacións proxectáronse nun área do barrio da Gándara moi poboada, con varios edificios de nova construción, e próxima a instalacións deportivas, culturais e educativas.
A localidade de Narón conta na actualidade cun total de sesenta e catro parques infantís, unha cifra que permite situar ao municipio á cabeza das cidades de Galicia en canto á media deste tipo de instalacións por habitante, situándose en case un parque por cada 500 persoas.