A posta en escena desta obra, na que actúan Mabel Rivera e Belén Constenla, será o 29 de outubro a partir das 20.00 horas
Narón, 27 de outubro de 2016. A compañía teatral Butaca Zero será a encargada de representar a obra programada para este sábado, día 29, no Pazo da Cultura. Voaxa e Carmín é o título desta comedia, cuxo elenco, coas actrices Mabel Rivera e Belén Constenla, dirixirá Xavier Castiñeira. As entradas, á venda na billeteira do Pazo da Cultura, teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados. A representación comezará ás 20.00 horas e prolongarase durante case unha hora e media.
Dúas mulleres, Maruxa e Coralia, máis coñecidas como “As Marías” da Alameda de Santiago de Compostela, vivirán unha serie de escenas de terror a través dunha viaxe iniciada nun día no que todo parecía normal pero no que Coralia anima a María a fuxir da rutina.
O texto orixinal, de Esther F. Carrodeguas, obtivo no ano 2015 o Premio Abrente de Textos Teatrais na súa décima edición, convocada no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, en Ourense.