UNHA UNIDADE MÓBIL PARA A DOAZÓN DE SANGUE DESPRAZARASE ESTA SEMANA AO ALTO E Á SOLAINA
O vehículo permanecerá estacionado mañá xoves nas inmediacións do antigo centro de saúde do Alto e o venres na zona da Praza da Constitución
Narón, 21 de xullo de 2021. Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permanecerá mañá estacionada nas inmediacións do antigo centro de saúde do Alto (rúa 25 de Xullo), entre as 9.30 e as 14.30 horas e tamén pola tarde, de 15.30 a 21.00. Así mesmo, na xornada do venres desprazarase ás inmediacións da Praza da Constitución, na Solaina, donde permanecerá operativa en horario de tarde, de 15.30 a 21.00 horas.
As persoas que acudan a doar sangue a primeira hora deben almorzar pola mañá e no caso de facelo despois de xantar ao mediodía, esperar dúas horas para poder facelo. Deben levar a tarxeta de doante, o DNI ou un documento similar e informar ao médico se se está tomando algún medicamento.
Dende ADOS indicaron que debido á actual situación pódese reservar cita previa chamando ao número de teléfono 900 100 828 para graduar deste xeito a afluencia de doadores/as ás unidades de doazón.