A representación terá lugar o sábado 3 de xullo ás 20:30 no Auditorio da Praza de Galicia, con entrada de balde.
Narón, 2 de Xullo de 2010.- A Concellería de Maiores de Narón, dirixida por Mª del Carmen Espada, e o grupo de Teatro Municipal de Maiores, presentaron hoxe en rolda de prensa a obra “Os pintores non teñen recordos” que se estreará o sábado 3 de xullo ás 20:30 horas no Auditorio Municipal da Praza de Galicia, con entrada de balde.
A edila de Maiores asegurou que dende o Concello de Narón quérese “promover unha mellora da calidade de vida dos nosos maiores, e esta é unha iniciativa máis para levala á práctica, exercitando a memoria e as habilidades sociais deste colectivo”, sinalou Mª del Carmen Espada ó respecto da actividade do Grupo de Teatro de Maiores.
A obra está protagonizada polos seguintes actores: Marcelino Bermúdez, Francisco Graña, Luz Ramos, Margarita Area, Antonia Alvarez, e Alfonso Ramón. Trátase dunha adaptación da obra de Darío Fo, que narra as locuras que o ser humán é capaz de facer por amor e de cómo resolver os problemas da maneira máis absurda e casual.
O Grupo de Teatro de Maiores leva todo este ano ensaiando a estrea teatral que terá lugar na tarde de mañá, e que servirá de broche final á clausura do programa de atención ás persoas maiores, pensado para mellorar as condicións de vida deste colectivo a través de actividades coma o teatro.