O Concello e a Asociación Galega da Camelia acondicionarán un Parque da Camelia, con máis de 200 especies diferentes deste arbusto.
Narón, 17 de Xaneiro de 2011.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, o Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e o presidente da Asociación Galega da Camelia, Tomás Casal, asistiron hoxe á prantación dos 70 primeiros exemplares de camelias no Parque Fluvial do Río Freixeiro.
En total está prevista a prantación de 200 exemplares diferentes de camelias neste lugar, para crear nun futuro o Parque da Camelia. Unha vez que estean plantadas tódalas variedades, o Concello e a Asociación Galega da Camelia procederán á súa identificación mediante a colocación dunha placa ou distintivo xunto a cada árbore, na que figurará a súa tipoloxía.
A donación destas árbores fíxose entre o Concello de Narón e a Asociación Galega da Camelia, aportando un centenar cada un deles. Agora a empresa encargada da xardinería do Concello, realizará a prantación das mesmas.
O Concello de Narón intensificará a vixianza policial neste paseo durante as noites, co fin de evitar posibles actos vandálicos ou a sustración das novas árbores.