Celébrase do xoves 8 ó domingo 11 de maio, cando terá lugar a tradicional peregrinación dende O Couto ata a Capela da O, en Pedroso.
Narón, 5 de Maio de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presentou hoxe en rolda de prensa o programa de actos da Romería da O, acompañado por representantes das tres entidades que organizan este evento: a Asociación de Veciños ‘Virxe da O’ de Pedroso, a Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, e a Comisión de Festas da Romaría da O. A Concelleira de Turismo de Narón, María Rodríguez Porto, non puido asistir á presentación por cuestións de forza maior.
O rexedor naronés destacou a importancia que ten para o Concello “o feito de recuperar tradicións, e unha das máis importantes que temos é a da Romaría da O. Trátase dunha festa fundamentalmente popular, que nos seus inicios congregaba a moitísima xente entorno á Capela da O, e queremos que iso se volva a repetir” sinalou José Manuel Blanco.
O Alcalde felicitou á AVV de Pedroso, á SCR A Pombiña e á Comisión de Festas “posto que sodes os verdadeiros artífices desta recuperación”. Pola súa parte, o vicepresidente da AVV de Pedroso, Roberto Bouzas, agradeceu ó Concello “a súa implicación na celebración da Romaría da O, especialmente á Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto”. Tamén dende a SCR A Pombiña felicitouse ó Concello “polo apoio que nos vides dando para que esta Romaría poida celebrarse e sexa un éxito. Agardamos que veña tanta xente coma o ano pasado, ou incluso máis” comentou a presidenta da sociedade A Pombiña, Ana Belén García. Por último, dende a Comisión de Festas se comentou que ademáis da tradicional Romaría, haberá misas na Capela da O o domingo dende as 9 ata as 13 horas, a tódalas horas, e pola tarde ás 17 horas.
Ademáis, contarase con dúas orquestras o sábado (Satélites e Superfama) e con unha o domingo (Trébol).
Programa de actos da Romaría da O:
Xoves 8 de maio
19:00 horas: Mesa redonda e coloquio sobre “As tradicións da Romaría da O” no local da SCR A Pombiña de Pedroso.
A continuación, ofrecerase unha copa de viño español e poderase disfrutar da exposición fotográfica “Pedroso e a súa xente no século XX”.
Venres 9 de maio
Pola maña: marcha ciclista de nenos/as de colexios de Narón e San Sadurniño ata a Capela da Virxe da O, onde recibirán unha pequena charla sobre a historia desta Romaría.
18:00 horas: Obradoiro de roscos de pan no local da SCR A Pombiña. Os roscos serán subastados o domingo día 11, antes da sesión vermut.
20:30 horas: Actuación do Grupo de Baile Moderno de A Pombiña.
Domingo 11 de maio
9:30 horas: Ruta de peregrinación á Romaría da O, con saída dende o Mosteiro do Couto, pasando polo Camiño Inglés ata Xuvia, en dirección á Capela da O pola beira do río Xuvia. Duración aproximada: 3 horas. Os romeiros recibirán unha acreditación (a poderán selar nos puntos de saída e chegada) e unha pañoleta identificativa.
12:30 horas: Procesión dende A Pombiña –cos estandartes dos roscos- ata a Capela da O.
17:30 horas: Bautismo de Aeromodelismo, organizado pola asociación de Aeromodelismo de A Pombiña. Poderán probar a pilotar unha avioneta teledirixida tódalas persoas que o desexen.
18:00 horas: Entrega do premio á merenda máis orixinal.
18:30 horas: Actuación do Grupo de Baile Galego do Padroado de Cultura.