O prezo das localidades, que están á venta na taquilla do Pazo, é de dous euros
Narón, 24 de febreiro de 2016. O alumnado de segundo curso da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón é o encargado da produción da obra: “2021: unha odisea na Terra”, un texto escrito e dirixido por José Prieto que se estreará mañá, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura. O espectáculo, dirixido ao público infantil e familiar, ten unha duración dunha hora, un tempo no que os protagonistas irán narrando diversas aventuras derivadas da contaminación ambiental que afecta á Terra e entre cuxos obxectivos está o de fomentar a educación en valores. O prezo das localidades, que están á venta na taquilla do Pazo, é de dous euros.
Esta comedia familiar está inspirada nas actividades que desenvolve o Grupo de Educación Viaria do Concello de Narón e contou co asesoramento do persoal do mesmo. A obra enmárcase no ano 2021, cando se produce unha contaminación masiva na Terra e se evacúa a Marte a toda a poboación excepto a uns “Escollidos”, encargados de solventar a situación.