Unha trintena de persoas realizaron esta acción formativa convocada a través da Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público con motivo da Semana da Mobilidade e Educación Viaria de Narón, tal e como apuntou o edil responsable da área, Guillermo Sánchez Fojo
Narón, 6 de xuño de 2018. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, entregou os diplomas correspondentes ao Curso teórico-práctico de acompañante de transporte escolar organizado con motivo dos actos da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón. En total, trinta persoas remataron este curso, impartido por persoal do equipo de Educación Viaria do Concello e do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón. Sánchez Fojo felicitou ás participantes que acudiron esta mañá ao Concello a recoller os seus diplomas e valorou a súa implicación nesta actividade.
O curso tivo lugar o pasado 8 de maio no Centro Cívico Social do Alto e durante catro horas as persoas que participaron no mesmo recibiron formación como acompañantes de transporte escolar e realizaron un simulacro para saber como reaccionar ante un posible sinistro.
Sánchez Fojo comprometeuse a convocar novos cursos relacionados con esta área e incluso a realizar as xestións oportunas para poder ampliar a súa duración en vindeiras convocatorias, unha posibilidade que valoraron as persoas que acudiron a recoller os seus diplomas. No acto de entrega estiveron tamén presentes dous representantes do equipo de Educación Viaria do Concello, os axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López.