O CONCELLO E A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVEN UNHA CAMPAÑA DE DOAZÓN DE SANGUE NO VERÁN
O alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, e a directora de ADOS, Marisa López, presentaron a iniciativa, que traerá a Narón unha unidade móbil de doazón os días 22 e 23 de agosto
Narón, 21 de agosto de 2018. O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, presentaron esta mañá no Concello a campaña que se desenvolverá na cidade baixo o lema Ti dás o tipo. O obxectivo desta proposta, tal e como indicaron, é incrementar as taxas de doazón de sangue na cidade. Sánchez Fojo recordou que o pasado mes de xullo unha das unidades móbiles de ADOS desprazouse a Sedes e Xuvia, se ben mañá, indicou, localizarase nas inmediacións do centro de saúde de Narón desde as 9.30 ata as 14.30 e pola tarde de 15.30 a 21.00 e o xoves día 23 na Praza da Constitución, na Solaina, nese mesmo horario.
A través da iniciativa Ti dás o tipo o Concello e ADOS impulsan a participación da veciñanza de Narón nas campañas de doazón de sangue para así garantir o labor dos hospitais galegos, que tal e como se indicou desde Ados, precisan 10.000 doazóns mensuais, podendo salvarse ata tres vidas cunha soa doazón de sangue que se realiza en dez minutos. O Concello distribuiu tarxetóns informativos sobre esta proposta para incentivar a participación na mesma.
A directora de ADOS destacou o “carácter xeneroso” dos galegos e galegas en xeral e, en particular, da veciñanza de Narón, que durante o ano pasado realizou 783 doazóns de sangue, o que representa un índice de 18 por cada 1.000 habitantes e ano. Marisa López recordou que a cifra está por debaixo da media galega pero tanto desde ADOS como desde o Concello se amosou a confianza en que progresivamente a cidade acade os índices recomendados a través do desenvolvemento de campañas específicas como a que terá lugar en Narón esta semana. “Manter as reservas no verán non é doado polos cambios de costumes e é complicado acadar as doazóns que precisamos ao día para manter a actividade dos nosos hospitais”, apuntou López, que recordou que as reservas máis baixas están actualmente nos grupos 0+ e B-.
As persoas maiores que desexen colaborar na campaña Ti dás o tipo poden acudir á unidade móbil que tanto mañá como o xoves estará na cidade. A representante de ADOS, que agradeceu a colaboración do Concello de Narón, e o alcalde accidental animaron ás veciñas e veciñas de Narón que poidan doar sangue a facelo a través desta iniciativa, agradecendo de antemán a súa colaboración. “Somos un dos concellos coa poboación de menos idade, polo que confiamos en que se animen a ser solidarios para poder axudar ás persoas que máis o precisan a través desta campaña de doazón”, subliñou Sánchez Fojo.