O "I ENCONTRO INTERNACIONAL DE COROS" CELEBRARASE O 7 DE OUTUBRO NO AUDITORIO MUNICIPAL
O Concello e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, organizan a convocatoria, na que ademáis da coral Areosa actuarán unha agrupación de Euskadi e outra de Portugal
Narón, 6 de outubro de 2017. O Padroado da Cultura de Narón e a Sociedade Cultural Areosa organizan a primeira edición do “Encontro Internacional de Coros” Narón 2017 que terá lugar mañá sábado nas instalacións do Auditorio municipal. A cita reunirá na cidade á Coral da S.C. Areosa, de Narón; ao coro Altzaga Abesbatza, de Erandio (Euskadi) e ao Grupo de cantares Arroz aos molhos, de Gatões (Portugal). A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participará nunha recepción institucional que se fará previamente ás formacións participantes -ás 16.00 horas- no Pazo da Cultura.
O “Encontro Internacional de Coros” comezará ás 18.00 horas no Auditorio, donde os integrantes das tres formacións musicais deleitarán aos asistentes cun amplo repertorio de cancións. A entrada é de balde, tal e como se apuntou desde a organización.
A coral de Areosa conta cunha dilatada traxectoria musical, que se iniciou no ano 1985. Actualmente está formada por corenta mulleres e homes, maioritariamente de Narón aínda que tamén doutros concellos da comarca. Os integrantes desta formación, anfitrións desta convocatoria, teñen previsto visitar o vindeiro ano Euskadi e Portugal para actuar en eventos programados polas corais visitantes nas súas respectivas localidades de orixe.
O Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa convidan á veciñanza a asistir a este Encontro, donde poderán gozar da música coral das tres agrupacións que participan no evento, que se organiza coa previsión de que teña continuidade nos vindeiros anos.