O LOCAL SOCIAL DE PIÑEIROS ACOLLERÁ UNHA REUNIÓN ABERTA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE ASPERGER
A cita terá lugar o 23 de marzo e está aberta á asistencia da cidadanía en xeral, tal e como se recordou desde a organización
Narón, 21 de marzo de 2019. A Asociación Galega de Asperger (Asperga) celebrará o vindeiro sábado, día 23, unha reunión no local social de Piñeiros aberta á asistencia da cidadanía. A convocatoria, na que colabora o Concello, dará comezo ás 11.30 horas e diríxese principalmente a persoas con familiares con síndrome de asperger ou profesionais relacionados co autismo.
As reunións abertas de Asperga concíbense, tal e como indicaron desde a entidade, como “un espazo para que poidamos compartir todo aquilo que nos preocupa e nos ocupa, as dúbidas e as inquedanzas, pero tamén as certezas e os pasos adiante”. A convocatoria é de balde, polo que se anima ás persoas ás que se dirixe a asistir, non sendo preciso ser socio ou usuario de Asperga nin anotarse previamente, tal e como recalcaron.
Asperga é unha entidade sen ánimo de lucro, creada no ano 2006 co obxectivo de concienciar á poboación sobre a existencia do síndrome de asperger e as súas verdadeiras características, ao tempo que contribuír a unha atención sanitaria, social, educativa e laboral axeitada ás necesidades das persoas con síndrome de asperger. O colectivo traballa actualmente a nivel autonómico, contando con centros sanitarios en Santiago e na Coruña, nos que ofrece terapia individual e grupal e realizando valoracións diagnósticas e ten un punto de atención en Narón. Así mesmo, organiza obradoiros dirixidos ao colectivo, xornadas e outros eventos divulgativos e tamén presta asesoramento a afectados, familias e profesionais da sanidade e da educación.