O CONCELLO SUSPENDE AS ACTIVIDADES MUNICIPAIS PREVISTAS AO AIRE LIBRE TRAS DECRETARSE A ALERTA LARANXA
O edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, anunciou que a alerta decretada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se manterá ata as 17.00 horas de hoxe
Narón, 16 de xaneiro de 2020. O Concello de Narón suspendeu as actividades municipais programadas ao aire libre e pechará as instalacións municipais ao aire libre ata as 17.00 horas de hoxe xoves. Así o anunciou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, tras recibir no Consistorio a comunicación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior de alerta laranxa por vento e choiva que se iniciou ás 6.00 horas da madrugada de hoxe.
No referente ás instalacións temporais será o titular da preceptiva autorización municipal o encargado de adoitar as medidas de seguridade que sexan necesarias para evitar posibles accidentes. Romero recordou que ante esta alerta laranxa recoméndase á cidadanía evitar as actividades no exterior –parques, xardíns…-, e na medida do posible tamén os desprazamentos e o uso de vehículos lixeiros, como bicicletas e ciclomotores. A maiores, é preciso afastarse de zonas con árbores, paneis publicitarios ou outros obxectos susceptibles de desprazarse co vento e retirar das fiestras, balcóns e tellados obxectos que poidan caer á rúa. Tamén se solicita á cidadanía que extreme as precaucións debido a este episodio de alerta laranxa por vento e choiva.