Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O GOBERNO LOCAL DEFENDEU NO PLENO O REGULAMENTO E MEDIOS DO SPEIS E DESTACA AS CONSTANTES MELLORAS REALIZADAS DENDE A CONSTITUCIÓN DO SERVIZO
O Concello acolleu un pleno extraordinario esta mañá no que o edil de Seguridade Cidadá e Speis, Román Romero, defendeu o regulamento en vigor
Narón, 10 de outubro de 2022. O Concello de Narón acolleu esta mañá un pleno extraordinario sobre o tratamento integral do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis). O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero iniciou a súa intervención recordando a “importante decisión” de crear no seu día este servizo por entender “que o servizo ao que estabamos acollidos non cumpría as expectativas mínimas para a nosa cidade”. Así mesmo, incidiu no “esforzo” realizado no seu día para crear o Speis e no feito de que se financia exclusivamente a través das arcas municipais, a diferencia doutros similares como o de Arteixo cofinanciado pola Xunta e Deputación. Romero asegurou que o regulamento do Concello indica que o número de bombeiros por quenda sexa de tres persoas, “como o 90% dos parques de Galicia”. O edil recalcou a vontade do goberno local por seguir mellorando o servizo coa consolidación de postos de traballo, dotación de medios… e mellora das condicións laborais. “Aumentamos catro postos de bombeiros conductor, aos dous anos incrementouse o complemento específico, seguíronse mellorando medios materiais e o propio funcionamento do servizo”, explicou. O concelleiro indicou que “as circunstancias de poboación, distribución xeográfica, aumento de solo industrial, zonas de risco… non variaron na cidade nos últimos anos polo que entendemos que este regulamento está en vigor e non é prioritaria a súa modificación neste momento”. En canto ao plantel do Speis Romero asegurou que os traballadores do Speis son coñecedores que na Oferta Pública de Emprego de 2022 vanse sacar catro prazas e que este mes está programado aprobar as bases dese procedemento. O edil saíu tamén ao paso das colaboracións co veciño Concello de Ferrol en canto ao servizo, recordando que é constante entre ambas administracións, tanto en actuacións como en material. A formación do colectivo foi outro dos temas abordados, indicando o concelleiro que se está levando a cabo unha mellora do Plan de Riscos Laborais do Concello que inclúe tamén formación, entre outros, para este colectivo. Sobre este punto da formación, dende o Concello tamén se especifica que nos últimos anos se impartiron varios cursos dirixidos ao colectivo e mesmo se concederon permisos a persoal do Speis para a realización doutras accións formativas. En canto aos hidrantes, Romero explicou que no último ano se instalaron varios en diferentes puntos da cidade e que a día de hoxe hai máis de 200 no termo municipal.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal