Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS OBRADOIROS E NO ROTEIRO DO JAZZ DE RÍA
O festival, que se celebrará nos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira e Neda, inclúe dúas propostas que requiren inscrición previa
Narón, 8 de agosto de 2023.- Con todo a punto para dar comezo a súa sétima edición, do 18 ao 21 de agosto, o Jazz de Ría publica os detalles para non perder ningunha das actividades programadas arredor do seu programa de concertos e asegurar que o público poida gozar ao máximo desta proposta única, na que a música jazz e o amor polo patrimonio natural da Costa Ártabra se entrelazan nunha experiencia pouco habitual que coloca a paisaxe no line-up do seu programa. Todos os concertos e actividades do festival son de balde, pero para participar nalgunhas propostas é preciso inscribirse co obxectivo de garantir o seu desenvolvemento en condicións óptimas. En concreto, son dúas as actividades nas que a organización solicita inscrición. Dun lado, o obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo, dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos que terá lugar na tarde do 19 de agosto no parque Freixeiro, en Narón. A partir das inscricións recibidas, faranse diferentes grupos segundo a idade. O obradoiro estará dirixido pola Escola da Vaca (Ferrol), que leva 25 anos dedicada á formación musical, e que hai uns anos decidiron poñer foco na cantidade de refugallo que xeramos, e comezaron a impartir obradoiros de reciclaxe, empregando eses materiais para fabricar instrumentos como maracas, caixas, tambores, paus de choiva, pandeiros ou bongós. A actividade durará aproximadamente 2 horas. Na primeira hora construiranse os instrumentos e a segunda estará dedicada a ensamblar un combo de percusión para que as crianzas participantes poidan tocar cos seus novos instrumentos no festival. A inscrición pode facerse desde hoxe mesmo na propia web do festival, a través do enlace: https://www.jazzderia.gal/obradoiro-instrumentos-refugallo/. O luns día 21, o festival pechará esta sétima edición nos impresionantes escenarios naturais de Valdoviño cunha camiñada musical de participación libre, que se iniciará ás 19.00 horas, na que só será preciso inscribirse no caso de querer empregar o transporte gratuíto que facilitará a organización no enlace: https://www.jazzderia.gal/formulario-roteiro-balcons-ao-atlantico/. O roteiro 'Balcóns ao Atlántico' percorrerá o tramo de costa comprendido entre San Xiao e a Praia do Baleo con dúas paradas musicais a cargo de dous grandes valores da comarca: no miradoiro de San Xiao atoparemos ao saxofonista Fausto Escrigas; e no miradoiro do Oural estará agardando a enerxía da baterista Lorena Cachito. O roteiro finalizará na Praia do Baleo onde sobre as 21:30 se celebrará o concerto no que a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta "But Life Is Beauty Full", un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival. Loxística para participar no roteiro Para a veciñanza e visitantes que se poidan achegar camiñando ao punto de saída, non é preciso inscribirse. Para quen vaia desde un pouco máis lonxe, haberá un autobús que sairá desde o aparcadoiro da Praia do Baleo, onde se poderá deixar o coche estacionado ata que remate o concerto de Nastasia Zürcher. Para usar este transporte será preciso inscribirse tamén a partir de hoxe a través do formulario da web do festival, onde tamén se atopa o localizador do punto exacto da saída do roteiro. A información ao completo deste festival pode consultarse a través da web: www.jazzderia.gal.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal