Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSA A CAMPAÑA "FELICITA O NADAL EN GALEGO!" E UN OBRADOIRO DE CANTOS DE NADAL
A edil de Política Lingüística, María Lorenzo, animou ás veciñas e veciños a participar nestas iniciativas municipais
Narón, 14 de decembro de 2023. O Servizo de Normalización Lingüística de Narón promove un ano máis a campaña “Felicita o Nadal en galego!”, a través da que se anima á cidadanía a empregar o uso do galego na comunicación propia destas datas. Con esta finalidade, tal e como indicou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, puxéronse a disposición da cidadanía varios deseños de postais en galego e ofrécese tamén asesoramento lingüístico. A edil naronesa explicou que están dispoñibles seis novos deseños no enlace: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#nadal, podendo envialas a familiares e amizades a través das redes sociais, aplicacións móbiles, correo electrónico, ou imprimilas e envialas por correo postas no caso de querer recurrir a unha versión máis tradicional. En canto ao servizo de asesoramento lingüístico, a edil informou que as persoas que queiran facer uso do servizo de revisión dos textos a enviar coa felicitación poden facelo enviándoo á dirección: a.pita@naron.es, que llo reenviará coas correccións oportunas. A maiores, tamén dende o Servizo de Normalización Lingüística, neste caso coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón, organizouse o obradoiro “Cantámosche os Reis”, de Pablo Díaz. Está dirixido a público de todas as idades –recomendándose no caso das nenas e nenos que saiban ler e que vaian acompañados como mínimo dunha persoa adulta-. A actividade levarase a cabo o día 26 deste mes ás 17:30 horas na Biblioteca Pública municipal (a parte teórica) e con parada en varios comercios da zona do Alto (a parte práctica). Pablo Díaz e Olga Kirk impartirán este obradoiro, no que se aposta por recuperar a tradición oral en galego e tamén promover e reforzar a celebración do Nadal en galego e visibilizar o comercio local de Narón. A acción enmárcase no proxecto “Narón gaña co galego” e as persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade da persoa participante, o nome da nai, pai ou persoa acompañante no caso de ser menores, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación, tal e como indicou María Lorenzo, será por orde de inscrición. A concelleira de Política Lingüística destacou a importancia de “manter este tipo de iniciativas, encamiñadas a dinamizar a actividade do Nadal e apostando por fomentar o uso do galego entre a cidadanía durante estas datas” e animou ás veciñas e veciños de Narón a participar tanto na campaña de felicitación do Nadal como no obradoiro de cantos.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal